Archivo de la categoría: Actividades

Verán creativo! Setembro

CAMPAMENTO DE VERÁN
EN AIRE CENTRO DE ARTE!!
  VIVCREATIVIDADE!!!
MATRÍCULA ABERTA!
 
Remata o verán, pero non a diversión.  Aire centro de Arte ofrécevos un final de Verán Creativo! Xa está aberta a matrícula para setembro!
No espazo compostelán de Aire centro de Arte, durante a primeira quincena de setembro, nun horario de 10h a 14h a primeira semana (tamén haberá a opción para as persoas máis madrugadoras de comezar ás 8h), e de 16h a 18 a segunda semana, as crianzas de entre 4 e 12 anos desenvolverán aspectos emocionais e de concienciación medio-ambiental a través da creatividade. Arte, música, teatro, escultura… convivirán para que o verán remate nunha gran festa, na que se combinarán as actividades no interior e no exterior.
A través do debuxo, a escultura, a arquitectura, a cianotipia… as crianzas desenvolverán a súa creatividade.
Poñeremos a atención no concepto do ser humano dentro do mundo, como ente que convive e intervén nel.
Remataremos cunha acción no parque da Música, no que as crianzas crearán unha instalación efémera. Ademais, haberá unha exposición en Aire centro de Arte na que se amosará o traballo realizado durante este tempo. Será una actividade aberta e participativa a todo o público que se achegue.
O prezo do campamento é de 85€ á semana, cun desconto do 10% a familias e amigos (non acumulativo). Dámos así a posibilidade de que as familias escollan o tempo que queren gozar das actividades.
A partir de hoxe, ABRIMOS MATRÍCULA! 
Reservade a vosa praza en: 

981 589 059

Aire centro de Arte é un espazo no que se pretende xerar coñecemento emocional e sensorial a través das artes plásticas, escritura, idiomas… a través dunha perspectiva de xénero. Promove eventos culturais para outras entidades. Tamén funciona como sala de exposicións de arte contemporánea na que se combinan artistas recoñecidxs con novxs creadorxs.

Máis información: airecentrodearte@gmail.com // 981 589 059
Agardámosvos!
Por favor seguenos e comparte:

Unha inclusión da vida cotiá na arte

Roi Domínguez amosa en Oxímoro un conxunto de instalacións nas que confronta o doméstico co alleo. O pasado venres 26 de maio, inaugurouse en Aire centro de Arte a exposición deste artista novo, a primeira que realiza de forma individual.

Oxímoro é un proxecto que xorde a partires da visita de Roi a Aire centro de Arte, espazo que el percibiu como un lugar familiar e acolledor como se dun fogar se tratara. Foi entón cando este artista, adicado á creación de obras in situ, concibiu esta exposición.

Nesta liña do doméstico e da relación co fogar, amósanos unha instalación e un vídeo que se relacionan entre si e que teñen moito que ver coa súa historia persoal. Así, no vídeo podemos ver ao artista varrendo o solar que fora o seu fogar da infancia, do que só quedou o chan e que progresivamente foi invadido pola natureza, creando unha simbiose entre a mesma e a man de home.

Relacionado co vídeo, realiza unha instalación na que recrea ese mesmo espazo, cos seus mesmos elementos e que tamén incide noutro punto fundamental en Oxímoro: a vulneración da infancia.

Esta idea da infancia vulnerada ten o seu reflexo nalgunhas das súas pezas, que toman como base cabezas de bonecos cos que adoitabamos xogar de pequenos, e aos que Roi envellece para facer visible o paso do tempo.

Unha das filosofías que rexen a concepción artística de Roi é a importancia do proceso de realización da obra, o cal se ve representado en outra das obras desta mostra, que é precisamente unha peza que está na metade do seu proceso de realización.

Todo isto é executado a través de obxectos encontrados, aos que o artista lles outorga unha nova vida como obxectos artísticos, partindo dunha estética da precariedade. Esta idea do obxecto encontrado vai na liña do tema central do fanzine deste trimestre, as Cinzas. Aire centro de Arte xira este trimestre en torno ás cinzas e a transformación daquilo que xa non serve, en algo novo.

Oxímoro é pois a suma da concepción artística de Roi Domínguez, que se define a si mesmo como un descubridor, que manipula e examina todo o que o rodea. Neste estudo do seu entorno é cando asimila aquilo que pode ser útil para a súa obra. Para el, en moitas ocasións a vida e a arte dilúen as súas fronteiras.

Roi impartirá un obradoiro os vindeiros 10 e 11 de xuño, no que proporcionará as chaves para a realización de moldes para escultura seriada de pequeno formato.

A exposición estará dispoñible en Aire centro de Arte ata o 19 de xuño.

TEXTO: Elia Crego e Guadalupe Lorenzo
FOTOS: Neves Seara

Por favor seguenos e comparte:

Mamá quero ser artista! (II)

Un ano máis, damos por finalizado un curso cheo de risos, aprendizaxe e amizade. Para celebralo, queremos compartir con vós o traballo realizado durante estes meses. Será unha festa exposición que terá lugar o 23 de xuño ás 19h en Aire centro de Arte.

Nesta exposición veredes obras de artistas que van desde os 4 anos aos 80. Forman parte dos grupos de Pequeartistas, Arte e Idioma (inglés e francés) e Idea, concepto e proceso da creación, que cada día nos sorprenden coas súas creacións. Estamos convencidas de que a vós tamén vos sorprenderedes. A sala de exposicións, a escaleira e o espazo #casamorada encheranse de creatividade e experiencias compartidas.

Ademais presentaremos o fanzine Mamá quero ser escritora (II), que recolle o traballo feito polas alumnas dos Almorzos Creativos e que reflexionará sobre quen somos e como estamos no mundo desde a nosa perspectiva como mulleres.

Queremos destacar o traballo transversal que se fai desde cada un dos grupos. Todos aprenderon as técnicas das artistas que pasaron polo centro: o collage e a inspiración musical de Maite Ortega, os retratos e as persoas a través de Melania Freire ou Reme Remedios, a intimidade xunto a Bibi Martín, a improvisación a partir do xesto de Belkiss Oliveira… só por nomear a algunhas, pero a lista é tan extensa como numerosas son as pezas e textos que se levan feito en dez meses.

Nós estamos orgullosas do noso alumnado, por iso agardamos que tanto toda a familia de Aire, como as persoas que aínda non nos coñecedes compartades este día con nós! Vémonos!

Por favor seguenos e comparte:

Taller de moldes, con Roi Domínguez

Achegámonos ao final de curso da man do artista ourensán Roi Domínguez. Especialista en escultura, preséntanos un obradoiro de moldes que terá lugar os días 10 e 11 de xuño. O horario será de mañá, de 10h a 14h. Está dirixido a un público adulto, a partir de 12 anos.

No obradoiro, quen perticipe construirá as súas propias pezas a partir de moldes feitos de escaiola e silicona. A xente que veña pode ser tanto persoas interesadas na escultura, sen coñecementos previos, como aquelas artistas que queiras reciclarse ou aprender novas técnicas.

O prezo do obradoiro será de 60€/material incluído.

As prazas son limitadas, polo que se prega a reserva en airecentrodearte@gmail.com ou no 981 589 059.

Agardámosvos!

Por favor seguenos e comparte:

Anécdotas legais varias (I)

A orixe do dereito de participación
en re-venta de orixinais plásticos

A nosa especialista en dereito legal dx artista, Visi López del Riego, ademais dos Briconsellos Legais, déixanos unha serie de anécdotas para que descubrades o que hai detrás das lexislacións culturais.

Comezamos con: A orixe do dereito de participación en re-venta de orixinais plásticos.

A finais do século XIX, París congregaba a un gran número de artistas bohemios e románticos que pelexaban coa feroz especulación existente no mercado da arte.

Nese mundo dos óleos e os faiados, zumegaba tanta miseria que a prensa da época acabou transformando en tinta os discursos indignados iniciados polos artistas en cafés e reunións. Conseguiuse así unha especie de simpatía popular cara a esa xente creadora que vivía famenta e explotada.

Resultado daquel rebumbio, naceu o droite de suite na Lei Francesa de 20 de maio de 1920 como un dereito de cobro dx artista plástics. Esta consistía nunha porcentaxe sobre o incremento do valor dunha obra no caso de re-venta.

Na actualidade, na nosa lexislación, o dereito de participación dxs artistas plásticxs evolucionou e recolleuse nunha lei concreta do ano 2008. As súas premisas principais son:

-o dereito propio dxs autorxs de obras orixinais gráficas ou plásticas consistente nunha porcentaxe sobre o prezo da reventa.

-a existencia dunha re-venta na que medien profesionais do mercado da arte (galerías de arte, marchantes, salas de venta…).

-que o prezo da transacción acade os 1.200 euros como mínimo (impostos excluídos).

Para outras dúbidas e curiosidades legais varias sobre os dereitos dxs artistas plásticxs:

Visi López del Riego

Aire centro de Arte

Caldeirería 50, 2º

981 589 059

TEXTO: Visi López del Riego

Por favor seguenos e comparte: