EXPOSICIÓN “VESTIXIOS” DE EVA CAMBA

Por Berta Bragado e Carmen Elsa Pérez

O pasado venres 13 de abril en Aire centro de Arte tivemos o pracer de acoller a inauguración de Vestixios, a primeira exposición individual da fotógrafa Eva Camba. Nun ambiente cálido e familiar, o público tivo a oportunidade de experimentar diferentes sensacións ao observar as imaxes, que buscan representar o rastro do pasado habitado de diferentes casas abandonadas.

En palabras da artista “con Vestixios invito ao espectador a adentrarse nun encontro entre os espazos  e as súas lembranzas que, en forma de nostalxia, voltan ao presente a través de entes en movemento procedentes dun mundo onírico. Con este proxecto quero convertir ao espectador en testemuña privilexiada do enfrontamento entre lembranza e esquecemento, deixando porta aberta ás sensacións de cada persoa.”

Así, cada individuo interpreta as fotografías dun xeito propio, chegando a sentir incluso sentimentos tan diferentes como a repulsa e a saudade.

Eva explica que a inspiración  para este traballo nace dos seus propios sentimentos ao visitar este tipo de espazos abandonados e da súa inquietude por enchelos de novo, dalgún xeito, cun anaquiño de vida.

Foi un evento alegre e íntimo, no que a artista tivo a oportunidade de achegar o seu traballo a Galicia (previamente exposto en León), ás súas persoas máis cercanas e a todos os amantes da arte que se animaron a pasar un venres diferente.

Os momentos máis bonitos desta noite tan especial foron o discurso inicial da comisaria da exposición, Neves Seara, e da fotógrafa Eva Camba, que reivindicaron a importancia da arte e de valorala e sentila como merece; e a oportunidade dos visitantes de compartir experiencias e opinións entre eles e coa artista.

Esta exposición se pode visitar ata o 23 de maio, animámosvos a que veñades!

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *