A miña vaidade, de Elena G. Dahlgren

Este mes de maio, a artista Elena G. Dahlgren sacará as cores das nosas vaidades. Será o 19 de maio, ás 20h, cando presente en sociedade A miña vaidade.

A miña vaidade é o tramo final do Fondo de armario. Trátase dun conxunto de miriñaques que se erguen como roupa nova feita de roupa sacada dos fondos de armario. Unha exposición solidaria na que tanto as prendas que conforman as pezas como o recadado irá destinado a unha ONG que escollerá Dahlgren.

Elena G. Dahlgren (Vigo, 1969), é licenciada é Belas Artes na especialidade de Escultura e en Ciencias da Información, en Publicidade e Relacións Públicas, pola Universidad Complutense de Madrid.

En 1996, a través dunha beca ERASMUS estuda o 4º Curso de Belas Artes na Hochschule der Künste de Berlín; en 1998 consegue a beca INTERCAMPUS de intercambio coa Escola de Belas Artes da Universidade Federal de Minas Gerais, Belo Horizonte (Brasil) e, de xaneiro de 1999 a decembro del 2000, vive na capital de México unindo unha beca da AECI para a Maestría en Semiótica na Universidad Anáhuac e o seu traballo como artista plástica. De 2002 a 2005 recibe unha beca da Xunta de Galicia para realizar a súa tese doutoral na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Desde o 2005 é parte integrante do grupo de arte e acción 3Marías, con Andrea Costas Lago, Eva Martínez Villar e Patricia Valverde Esteiro.

As obras de Elena G. Dahlgren (instalacións, fotografías, collage, debuxos, esculturas…) parten da idea de que a arte é xogo e exhibición. Esa aparencia de xoguete serve como instrumento da arte e, a través do xogo, establécese a relación entre a arte e o público. Ocupando o espazo con series de obxectos, traballa o obxecto artístico non como algo único, senón que, ao ser repetido, é transformado en algo próximo, nun máis dunha serie: necesario pero prescindible, como as pezas dun xogo. E en todo xogo precísase de alguén que xogue. A arte sitúase no espazo do uso dx espectador/a, de xeito que consegue que unha simple cousa se converta en algo máis, engadíndolle o relato dunha experiencia.

Os seus últimos traballos afástanse do exclusivamente artístico e plantexan a idea de colaboración e interacción entre o seu universo creativo e outras disciplinas. Tras unha incursión no mundo da gastronomía coa ilustración de receitas e o deseño dunha vaixela para Xosé T. Canna, ou a cena compartida con Miguel Oliveira, comeza o proxecto Nosoyunplato, no que unha vaixela se transforma no soporte da súa obra: de novo a serie, a reprodución, o afastamento dos soportes univocamente artísticos. Introducirse no mundo de outros enriquecendo o propio.

A exposición estará ata o 19 de xuño.

Cómpre destacar, que a exposición vén acompañada de dous obradoiros intensivos impartidos pola propia artista: o 7 e o 21 de maio, no que quen participe (maiores de 12 anos) poderán construír o seu propio miriñaque e comprender o proceso creativo da autora.

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *