Fondo de armario. Obradoiro

O vindeiro 7 de maio, a artista Elena G. Dahlgren impartirá un obradoiro no que quen participe construirá o seu propio miriñaque. Na xornada, que durará 7 horas (de 11h a 20h), o público asistente (adultos a partir de 12 anos) descubrirá non só a obra da artista, senón todo o que había detrás desta estrutura e o que agocha a roupa na actualidade.

Para que sexa posible a realización do taller, haberá que traer prendas novas ou seminovas que formarán parte da peza que se cree. O resto do material será aportado por Aire centro de Arte.

As obras resultantes formarán parte da exposición A miña vaidade que inaugurará Elena G. Dahlgren o 19 de maio. Ademais, o 21 de maio, haberá unha segunda edición deste obradoiro. A roupa que forme parte das obras non vendidas doarase a distintas ONG´s, igual que o gañado coas vendas. 

O prezo do taller é de 40€/material incluído. É precisa a inscrición en airecentrodearte@gmail.com / 981 589 059 / pezpie@gmail.com

A continuación, Elena G. Dahlgren explica polo miúdo como se desenvolverá o taller:

FONDO DE ARMARIO ou a vaidade que agocho

[acción en varios actos]

Se me traes esa roupa tan nova que agochas no fondo do teu armario fareiche un vestido novo. Ese vestido será o disfrace da túa vaidade, que a un tempo amosa e agocha.

Se me regalas ese traxe novo, feito de mil e un vestidos, regalareino outra vez, para que a vaidade duns vista a necesidade doutros.

Pero se a túa roupa queres de volta, unida e recosida como unha escultura vaidosa, o meu traballo de costureira terás que pagar.

 

Primeiro acto. Recollida de fondos de armario

Se queres participar no proxecto fondo de armario, buscamos esa roupa nova que nunca ou case nunca chegaremos a usar. Esas prendas que foron un capricho, un quizais, ou un día usareite… pero que alí están. Por desidia ou avaricia gardamos, ordenamos e recolocamos no fondo dos nosos armarios.

Saiais, blusas, panos da man, roupas de baixo e calcetíns, medias e camisas. Pantalóns, chaquetas e algún xersei. Zapatos e bolsos. Calquera prenda, pero nova ou case nova.

Acto segundo. Construción de miriñaques. Taller.

Miriñaque, crinolina, polisón, armazón ou guardainfante, palabras para definir esa roupa de baixo feminina de tea ríxida ou moi amidonada armada con aros, creada para alixeirar o peso das enaguas que daban voo ás saias.

Crea un espazo oco baixo a roupa, íntimo e segredo, pero tamén móbil. Unha gaiola que agocha un corpo real baixo unha forma caprichosa.

Acto terceiro. O vestido da túa vaidade.

Con cada fondo de armario e sobre os miriñaques construídos, coserei un vestido unindo as prendas doadas, de xeito que a cada persoa que doe a súa roupa lle corresponderá un vestido novo.

Acto cuarto. Vestir a vaidade.

Presentación en sociedade dos vestidos.

Acto quinto. Doazón.

Os vestidos que non se vendan como obras de arte, desfaranse e a roupa será doada a unha asociación escollida pola artista.

vaidade, que sexa presumida, pero non a deixaremos ser mesquiña.

————————————————————————————-

OUTRA INFORMACIÓN

Sobre o obradoiro

– Quen participe deberá traer as prendas do seu armario que nunca ou case nunca use.

– Breve charla sobre o proxecto e a miña obra.

– Construción dos miriñaques.

Materiais:

-Varas de miriñaque

  • Biés e lazo de cor dourada
  • Entretea
  • Fío, agulla, tesoira, cinta de carroceiro, alfinetes, tanza, dedais, cinta métrica, pinzas.
  • Lapis e papel

Puntos de recollida das prendas:

  • Aire centro de Arte, Caldeirería, 50, 2º / Santiago de Compostela / Horario: de luns a venres: 11h -14h // de 16h a 20h.
  • Zona de Vigo e Baixo Miño: Pórse en contacto con Elena Gómez Dahlgren (por mensaxe privado na páxina do evento ou por correo-e pezpie@gmail.com)

 

 

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *