Pequeartistas

As crianzas aprenderán distintas técnicas e expresións a través do traballo de artistas do pasado e do presente, sen perder nunca a súa propia ollada. Así desenvolverán o seu xeito de ver, interpretar e crear o mundo no que viven. Ademais terán a posibilidade de recibir clase das artistas que expoñan en Aire e, unha vez ao mes, o grupo do martes terá unha sesión específica de cor impartida por César Medina á que poderán incorporarse crianzas de outros grupos.
A partir de proxectos dun mes aproximado de duración, xs alumnxs aprenderán conceptos artísticos a partir do análise da obra de diferentes artistas e correntes. Non só aprenderán sobre as formas, cores, composicións, espazo… senón que comprenderán o proceso creativo de diferentes técnicas, expresións e movementos artísticos.

Debuxo, pintura, escultura, arquitectura, gravado, fotografía serán as técnicas plásticas ás que recorreremos en todas as súas posibilidades para explotar a narratividade de cada alumnx e serviranos para aprender a expresar emocións, a presentar ao grupo o seu traballo, a compartir, explorar o seu entorno e as súas emocións, elaborar conceptos complexos, a organizarse e a traballar en grupo e individualmente.

Os obradoiros creativos de Aire non só serven para aprender as técnicas que ensinamos, senón que son unha ferramenta para expresarse que xerará confianza nos alumnos e lle permitirá aprender divertíndose.

A nivel físico, o manexo dos materiais, pinceis, ferramentas de modelado, etc… axudaralles a afinar as súas capacidades e destrezas, así como a liberar tensións acumuladas.

Hai a opción de escoller entre diferentes horarios: luns, martes e venres. As clases son de hora e media (90min). As crianzas poden entrar a partir das 16:30 no horario que se axuste mellor a cada familia. As clases rematan ás 19:15 (cada día). O último grupo ao que se poden incorporar é ao das 17:45. En caso de estar nalgún grupo concreto e no poder asistir un día, ofrécese a posibilidade de recuperar esa clase.

O prezo é de 50€ de matrícula (para material), 35€ ao mes. É necesaria unha carpeta DINA3 e un mandilón ou roupa vella que poidan manchar.
Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *