Unha inclusión da vida cotiá na arte

Roi Domínguez amosa en Oxímoro un conxunto de instalacións nas que confronta o doméstico co alleo. O pasado venres 26 de maio, inaugurouse en Aire centro de Arte a exposición deste artista novo, a primeira que realiza de forma individual.

Oxímoro é un proxecto que xorde a partires da visita de Roi a Aire centro de Arte, espazo que el percibiu como un lugar familiar e acolledor como se dun fogar se tratara. Foi entón cando este artista, adicado á creación de obras in situ, concibiu esta exposición.

Nesta liña do doméstico e da relación co fogar, amósanos unha instalación e un vídeo que se relacionan entre si e que teñen moito que ver coa súa historia persoal. Así, no vídeo podemos ver ao artista varrendo o solar que fora o seu fogar da infancia, do que só quedou o chan e que progresivamente foi invadido pola natureza, creando unha simbiose entre a mesma e a man de home.

Relacionado co vídeo, realiza unha instalación na que recrea ese mesmo espazo, cos seus mesmos elementos e que tamén incide noutro punto fundamental en Oxímoro: a vulneración da infancia.

Esta idea da infancia vulnerada ten o seu reflexo nalgunhas das súas pezas, que toman como base cabezas de bonecos cos que adoitabamos xogar de pequenos, e aos que Roi envellece para facer visible o paso do tempo.

Unha das filosofías que rexen a concepción artística de Roi é a importancia do proceso de realización da obra, o cal se ve representado en outra das obras desta mostra, que é precisamente unha peza que está na metade do seu proceso de realización.

Todo isto é executado a través de obxectos encontrados, aos que o artista lles outorga unha nova vida como obxectos artísticos, partindo dunha estética da precariedade. Esta idea do obxecto encontrado vai na liña do tema central do fanzine deste trimestre, as Cinzas. Aire centro de Arte xira este trimestre en torno ás cinzas e a transformación daquilo que xa non serve, en algo novo.

Oxímoro é pois a suma da concepción artística de Roi Domínguez, que se define a si mesmo como un descubridor, que manipula e examina todo o que o rodea. Neste estudo do seu entorno é cando asimila aquilo que pode ser útil para a súa obra. Para el, en moitas ocasións a vida e a arte dilúen as súas fronteiras.

Roi impartirá un obradoiro os vindeiros 10 e 11 de xuño, no que proporcionará as chaves para a realización de moldes para escultura seriada de pequeno formato.

A exposición estará dispoñible en Aire centro de Arte ata o 19 de xuño.

TEXTO: Elia Crego e Guadalupe Lorenzo
FOTOS: Neves Seara

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *