Bibi Martín amosa en Íntima unha mostra moi persoal da súa obra de carácter interdisciplinar. O pasado venres 3 de marzo, inaugurouse en Aire centro de Arte a exposición desta artista, que consegue que os seus traballos dialoguen baixo a bandeira da sororidade.
Íntima explica a obra de Bibi coma un proceso en constante transformación, aberto e cambiante. Este concepto ilústrase perfectamente nunha das creacións clave da artista: Patrimonio. Esta obra configurouse coma o seu traballo de fin de grado. Componse de pezas de cerámica en forma de senos femininos. Cerámicas “relajadas y tensas, constreñidas y libres, sinceras y mentirosas, cerámicas. Calmadas y agresivas, compactas y líquidas, ásperas y mórbidas, dolidas y extasiadas de placer”, coma ela mesma as define.
Asemade, Patrimonio nace como un refuxio para a súa nai, figura fundamental en todas as obras, sendo a súa presenza unha constante no traballo do artista. Do mesmo xeito, esta obra reflexa outro dos conceptos fundamentais para Bibi, que non é outro que o proceso de traballo. Patrimonio foi evolucionando ao longo do tempo, sempre en función dos espazos, de modo que en cada exposición varía e se enriquece.
Bibi Martín elixe o corpo feminino como peza vehicular do seu traballo, posto que para ela este é unha barreira entre todo o que acontece no noso interior e o que sucede ao noso redor. A elección do corpo feminino non é casual, senón que deriva doutro concepto de vital importancia: a sororidade, ese apoio mutuo entre mulleres case a modo de irmandade en defensa en contraposición ao patriarcado.
A importancia da exploración do corpo feminino na súa arte tamén se reflicte na súa obra realizada con canicas que nos remite ao interno, o visceral, a dor menstrual. Así pois, todo xira en torno á intimidade, ao persoal, polo que non é estraño que unha das obras que nos mostra teña coma base un colchón, lugar de amparo e abrigo, o noso refuxio máis íntimo. É por iso que esta obra acolle as imaxes máis íntimas da artista.
Toda esta idea que transmite coa súa arte, entronca perfectamente con Matriz, temática sobre a que pivota o fanzine deste trimestre. A propia Bibi definiu Aire coma unha matriz, un lugar de refuxio no que a sororidade se fai patente a través do seu equipo. Equipo en grande medida conformado por mulleres que se serven de apoio as unhas ás outras.
O mellor maneira de explicar Íntima é a través das propias palabras que a artista deixou en Matriz para definila:
Colmaré de pensamiento estas paredes,
que se vuelven inmensas, hinchadas y redondas.
Que sudan. Sudan y gritan.
Espacios reducidos, vivos,
que palpitan y vibran.
Espacios que no existen.
A exposición estará dispoñible en Aire centro de Arte ata o 17 de abril.
TEXTO: Eia Crego e Guadalupe Lorenzo
FOTOGRAFÍAS: Nacho Mascuñán