O traballo de ser muller

Vicky Estévez, Neves Seara e Monse Vilar

Vicky Estévez, Neves Seara e Monse Vilar

Xuntar a tres mulleres, tres loitadoras, arredor dunha mesa da pé a debater numerosas cuestións. Nesta ocasión, o Mes de Xénero brindou a oportunidade perfecta para debater acerca da realidade diaria que, como mulleres, temos que afrontar no ámbito laboral. Así, o sábado 19 de novembro, viñeron compartir inquedanzas Monse Vilar, especialista en igualdade, identidade e xénero; Vicky Estévez, actriz e Neves Seara, artista.

Resulta curioso como tres mulleres con perfís profesionais distintos, aínda que todas están relacionadas co ámbito da cultura, chegaron ás mesmas conclusións que compartiron co público asistente.

Ser muller é un traballo, está claro. É un traballo no senso de que, por motivo de sexo, estamos obrigadas a ter que demostrar diariamente a nosa valía, malia que podería parecer que, a nivel xeral, estamos amparadas pola lexislación existente en materia de igualdade. Agora ben, en canto nos introducimos no desenvolvemento da actividade diaria enfrontámonos á candente realidade.

Desde moi novas, as mulleres, debido aos estereotipos tradicionais ligados ao xénero, temos que afrontarnos a unha serie de andrómenas que nos impiden estar nunha igualdade de condicións con respecto ao xénero masculino. Segundo relataban as participantes, as dificultades empezan a ser máis visíbeis no momento no que se acceden aos estudios superiores, tanto universitarios coma de libre formación. Non se trata de ningunha novidade, conforme se trata de postos máis “especializados”, historicamente ligados a perfís masculinos. Se anos atrás era impensábel ter unha docente nas aulas universitarias, na actualidade o número de catedráticas mantense baixo mínimos.

Neves Seara e Monse Vilar

Neves Seara e Monse Vilar

É dicir, na sociedade na que vivimos, marcada polo patriarcado, segue a existir una notábel diferenza entre os postos en canto ao xénero. Iso non quere dicir que as mulleres non poidamos acceder a algunha clase de traballo, se non que, para poder acceder vémonos na obriga de reivindicar os nosos méritos e reafirmar a nosa capacidade. Trátase, polo tanto, de reivindicar o posto que nos pertence.

Ademais, diversos estudios demostraron que as mulleres somos as principais vítimas de acoso no traballo, discriminación por motivos de xénero e de acoso sexual. Non fai falla máis que ollar algunhas ofertas de emprego orientadas ás mulleres para decatarse da situación. Estamos a falar de que entre o 40% e o 60% das mulleres traballadoras sofren acoso sexual no traballo. Primeiro enfrontámonos a grandes dificultades para conseguir un posto e logo cargamos cunha forte discriminación, semella que a igualdade non é nin efectiva nin medianamente visíbel.

Outro feito a destacar en canto se fala da aparente igualdade é a brecha salarial, xa que unha muller realizando o mesmo traballo ca un home vai a cobrar entorno a un 13% menos. Motivo? Ningún, parece ser que as mulleres cobramos menos debido ao noso xénero. Noutros países, coma na veciña Francia, as mulleres saíron á rúa reclamando que de aquí a finais de ano non deberían traballar, posto que ese diñeiro non o están percibindo mentres que os seus compañeiros si.

Vicky Estévez (no centro)

Vicky Estévez (no centro)

O problema é que a pesar da evidencia dos progresos en materia de igualdade, se comparamos a nosa situación coa das nosas avoas, claro, a incorporación da muller ao mercado de traballo continúa a estar ligado a certos ámbitos. Non se trata de reincidir nos historicamente ámbitos nos que a muller podía acceder, coma aos coidados ou á educación, senón que o traballo feminino continúa a ser visto coma unha medida auxiliar do traballo doméstico. Este nexo entre a familia e mailo traballo contribúe á desigualdade de xénero.

Existe a conciliación? Si, existir existe, malia que se trata dunha conciliación meramente feminina na que as mulleres con fillos teñen que exercer coma auténticas heroínas e conciliar o seu papel de perfectas traballadoras co papel de nais. Se a iso lle engadimos a presión social na que vivimos constantemente por estar perfectas en todo momento e situación, a conclusión á que chegamos é que si, as mulleres somos unas conciliadoras natas.

Agora ben, supostamente o término conciliación fai referencia á conciliación familiar e laboral. O feito de ter que organizar o traballo e a distribución das responsabilidades familiares no fogar, así coma a participación en actividades culturais e de ocio, pensando en todo momento en harmonizar resulta, canto menos, estresante ou de auténticas superheroínas. Datos alarmantes, coma que o 41% das mulleres que non traballan é por dedicarse ao coidado dos fillos lévannos á realidade de que poucas podemos voar.

Monse Vilar

Monse Vilar

As mulleres seguimos a ser as que asumimos a maior parte das responsabilidades en coidados no fogar. O equilibrio entre a vida familiar e a profesional entróncase directamente obrigando a que, en numerosas ocasións, as mulleres teñamos que decantarnos por unha vía. Non se trata dunha decisión sinxela, xa que independentemente do que decidamos, imos ser xulgadas pola sociedade. Un exemplo, unha autónoma que decida deixar de lado o seu traballo, reducindo a xornada ou a cantidade de traballo, verase obrigada a aparcar a súa faceta empresarial durante, como mínimo, os cinco primeiros anos. En consecuencia, unha vez decida reincorporarse, verá como a rede empresarial outrora en pleno funcionamento, terá que volver a reintegrarse dentro dun mercado que avanzou durante o período de inactividade.

Xa que logo, ser muller supón un freo a nivel profesional. Se xa conciliar é a utopía, non falemos de mellorar a situación laboral á par que cumprir coa maternidade. Non, se ao final van ter razón os que din que as mulleres somos unas tolas. Si, unas tolas loitadoras polos dereitos naturais que, como persoas, merecemos sen importar o xénero.

Polo tanto, aínda queda un longo camiño que percorrer para acadar unha verdadeira conciliación e unha igualdade real en todos os ámbitos. Mentres tanto, seguiremos mantendo o pulso e a loita, reivindicándonos e reafirmándonos conxuntamente.

TEXTO: Alba Lojo

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *