Reme Remedios: tras a pegada do acto creador

Parte do equipo de Aire centro de Arte xunto a Reme Remedios

Parte do equipo de Aire centro de Arte xunto a Reme Remedios

A última vez que Reme Remedios presentou a súa obra en Aire centro de Arte corría o ano 2014. En dous anos, os cambios que se produciron tanto na galería coma na evolución da propia artista foron notorios. Polo tanto, a expectación por ver a súa nova mostra, Relicarios del Arte Creador, era máxima.

Como en todo bo guión, o devir da montaxe e da propia inauguración veríase salpicada de imprevistos. Porén, alí estabamos (vestidas de fucsia incluso, ad hoc coa obra) preparadas para abrir portas o venres 23 de setembro ás oito da tarde. O noso pequeno espazo non tardou en medrar, grazas á calorosa acollida dxs asistentes. Agora a obra si estaba completa. Creación e espectador reuníanse e conferían un novo significado ás diferentes pezas expostas. Porque é neste acto onde reside a esencia e a raíz da arte. Precisamente sobre Raíces versa a temática do novo trimestre en Aire, inaugurado pola actual exhibición de Reme Remedios.

Conversa con Reme Remedios

Conversa con Reme Remedios

Coa artista puidemos conversar sobre a súa vida, as súas creacións e os seus próximos proxectos, levándonos, como non podería ser doutra forma, unha reconciliadora experiencia con nós mesmos e con todo aquilo que nos arrodea. Porque por moitos impedimentos que haxa, sempre seremos nós quen deberemos sortealos. Ninguén máis o fará por nós… A traxectoria de Reme da testemuña a través das súas sabias palabras, “o maior obstáculo que tiven que superar para recoñecerme como artista foi validar a miña obra. Porque o autorrecoñecemento é a parte máis complicada”.

A relación de Reme Remedios coa creación artística ten a súa orixe na súa máis tenra infancia, cando se adicaba a intervir materiais con todo o que encontraba ao seu alcance: “de feito, de nena, sempre me lembro xogando de artesá”, afirma a artista. Esta mestura de texturas e materiais, como a tea, o papel ou outros obxectos, a podemos observar nos Relicarios del Arte Creador. Neste caso, a la e a cor fucsia son os nexos de unión que configuran os relicarios como un ente único, engarzados por un vínculo emocional coa tonalidade.

Os sentimentos son a base emocional nas creacións de Reme Remedios. Os procesos vitais son os encargados de xestionar o inicio dunha nova obra: “no caso dos Relicarios del Arte Creador, puxen énfase en harmonizar o espiritual, os cinco sentidos visibles e os sentidos sutís que nos levan a outros estados. Os relicarios están no lado artesán, coa la de soporte, representando o máis cotiá; e a entrega cara o que chega, que se manifesta no xestual, no caso dos Relicarios trátase dos debuxos centrais da obra. No fondo, trátase da entrega ao presente, a continuidade da man expresada a través dun bolígrafo. Ao final, é a confluencia dos estados esenciais e revelados e o propio corpo”.

Entrevista a Reme Remedios

Entrevista a Reme Remedios

En certo modo, as reminiscencias espirituais que contén a obra de Reme poden chegar a ser equiparadas coa relixiosidade. O misticismo supón, nestes casos, un dobre sentido no discurso expositivo, xa que, en palabras da artista “esforzámonos por recuperar os rituais que son propios, non os que nos veñen impostos. Trátase de ir progresivamente quitando para quedarnos coa esencia. O contacto do instinto co poder, a espiritualidade propia é equiparable ao dolo, que fai que se revele na creación artística”. Neste senso, convén destacar que a obra de Reme Remedios non contén ningún factor relixioso, senón que vai alén. “Non hai nada relixioso nela, senón espiritual”.

Este elemento místico, que penetra nas raíces máis profundas do ser humano, era un fundamento visible en Selección Animal, a anterior exposición de Reme en Aire centro de Arte. No caso de Relicarios del Arte Creador, no cal observamos unha evolución no estilo da artista, o interese pola orixe vólvese máis espiritual, pero continúa na liña marcada pola mostra anterior, xa que “o instinto ten que ver coa esencia xenuína, a animalidade. É unha enerxía moi limpa, sen moral, hai tanta espiritualidade en buscar o instinto como a esencia”.

montaxe

Montaxe de «Relicarios del acto creador» de Reme Remedios

Poderiamos dicir que ese “deixarse levar” no proceso de mergullarse nunha mesma, en rebuscar as raíces, é o punto de partida no proceso creador de Reme Remedios. Tal como nos adiantou durante a nosa conversa, nestes momentos atópase completamente centrada na pintura, deixando á marxe a miscelánea de texturas para explorar o universo de cor aplicado sobre lenzo.

Aparte da busca dos sentidos sutís de maneira individual, Reme Remedios é unha persoa moi polifacética que divide o seu día a día entre a creación artística, a terapia de Gestalt e a dirección de DOSMILVACAS. Arte. No fondo, todas son consideradas como ferramentas que sacar a relucir a conciencia e as raíces máis agochadas de cada persoa. Ao preguntarlle con que faceta se quedaría no remoto caso de ter que escoller algunha, Reme non dubida e rapidamente afirma: “realmente, véxome como artista”, e remarca: “creo que a proposición correcta sería, cando se deixa de ser artista?”.

TEXTO: Alba Lojo e María Carballo.

FOTOS: Nacho Mascuñán

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *