Recortes de vida

Entrevistando a Maite OrtegaO pasado venres, Aire Centro de Arte encheuse de música dun xeito moi especial. Ás oito da tarde tivo lugar a inauguración de Una moneda, un baile, de Maite Ortega, unha mostra que se enmarca dentro do seu proxecto de collages sonoros. Puidemos afondar coa artista nesta orixinal combinación dos conceptos de música e collage ao longo das melodiosas horas de montaxe.

<<En primeiro lugar, trátase dun proceso íntimo, un proceso de busca, en todos os sentidos. A busca dos recortes perfectos. Perfectos no sentido de que son esas as imaxes que dan forma ás emocións abstractas que nacen ao escoitar a música. Traballo co aleatorio e a improvisación é inevitable>>, explica Maite. Deste modo, vaise facendo camiño ao andar. <<Unha pode ter unha idea na cabeza, pero ao final sae algo completamente distinto… Non obstante, é incluso mellor, porque non era o que agardabas, a obra que buscabas nace a medida que buscabas sen saber que era o que verdadeiramente estabas a buscar, e nesa busca e resultado atópate a ti mesma, descobres o máis íntimo do teu ser>>, recoñece a artista. Conseguir isto conleva crear sen máscaras, sen traza nin plan, o que sae sae natural, sae o verdadeiro eu en definitiva. <<Penso que nunha ilustración xa é diferente, porque tes unha idea previa do que queres debuxar, tes que comezar por algún trazo, que ao final é o mesmo, porque te deixas levar e acaba saíndo algo diferente á idea primitiva, pero para min estas dúas técnicas funcionan de modo distinto. Con collage sinto que podo facer calquera cousa, dependendo do azar, do que caia nas miñas mans ou o que as miñas mans e ollos vaian escollendo paralelamente vai soando a música>>.

Maite OrtegaNiso consiste o collage sonoro, dous proxectos nos que a idea é a mesma: realizar collage a través dunha canción, dunha composición. No fondo, trátase de compoñer a raíz doutra composición, porque un collage non deixa de ser unha composición, coas súas propias notas, ritmos e cores. <<No primeiro proxecto os collages baséanse en cancións que eu escollía, mentres que no segundo eran peticións da xente. E resultou ser un éxito, que non sería posible se non fora por todas esas persoas. Grazas a elas nace este traballo, e que levarán outras persoas. Créase unha cadea, un estraño, fantástico e nostálxico feedback. Nostálxico porque dalgunha forma despréndome dunha parte de min para darlla a outra persoa, o cal é fabuloso, pero si que é duro separarse dunha obra, poño tanto de min mesma que me custa desprenderme delas>>, explica sobre a súa exposición.

<<Nembargantes, a obra é a consecuencia de todo un proceso de creación, e este para min é o verdadeiramente interesante, polo que comentabamos antes, é un acto performativo, ritual, de busca, descubrimento e asimilación da mente dunha persoa, do que leva dentro, do que é>>, reflexiona Maite. A maioría das veces a ese labirinto non se pode acceder cun mapa, é un labirinto. E hai que ir a cegas, ao azar. A lóxica ten que deixa paso á loucura. E ten que ser a loucura a que cree a súa propia lóxica en medio dese caos emocional.

<<A música axúdame nese sentido>>. Pode que a música sexa esa voz que todos escoitamos na escuridade e nos guía a través dos nosos máis profundos labirintos. <<Eu vivo rodeada de música, escóitoa continuamente>>. En Una moneda, un baile, ademais é unha das partes protagonistas, como explica Maite: <<póñome unha canción en bucle ata que atopo o recorte, a combinación, o resultado desexado. Ata que quedo satisfeita>>. Todo acto de creación ten as súas dificultades, pero para Maite ese cansancio, reto, convértese en pracer, <<porque é a miña paixón, é máis o necesito, necesito facer o que fago. Para min crear é bastante fácil, e o fago por calquera dos camiños: experimento con todo tipo de materiais, texturas… Realizo incluso instalacións, combinado fío, teas, etc.>>.

O único que lle cansa en realidade é a promoción, porque coma sempre no mundo da arte a competitividade non dá tregua. <<Claro que ten que haber diferentes estilos, porque o collage, ao contrario do que pensa moita xente, cada vez está máis recoñecido e cada vez somos máis. Pero tamén cada vez hai máis fraude artístico…>>. Canto dano ten feito o discurso da morte da arte… Por un lado, ninguén ten a cátedra da arte para xulgar, porque todo é subxectivo, pero o que non se pode facer é sobrevalorar, a xente necesita máis ollo crítico, porque con toda a sobreinformación que nos chega é fácil enganarse e a xente quédase con que lle venden a través dos medios, co que máis seguidores ten… e esa é outra cadea de retroalimentación pero nada enriquecedora. <<É o inxusto e hipócrita negocio da arte, da arte do postureo>>, recoñece.

Maite confesa que o máis difícil é crear vínculos de confianza nese mundo. <<Síntome moito máis cómoda no ámbito do collage, da ilustración… que no de que academicamente entendemos por arte contemporáneo. Principalmente por ese “todo vale´´. Eu penso que unha obra para ser chamada arte ten que transmitir honestidade, que sexa honrada, coma o seu creador. Un traballo de dentro a fóra, expresando os verdadeiros sentimentos polos que o autor viu a necesidade de darlles forma a estes. Cada un pode ter o seu estilo. Cada artista é orixinal, debe selo, porque cada persoa ten a súa vida propia>>.

O difícil é afrontar eses sentimentos, e iso conleva honradez. O proceso creativo pasa a ser un simple medio. <<Dá igual o resultado, sempre que sexa sincero>>. Porén, atopar o noso camiño non resulta doado. <<Todos somos únicos, pero o máis cómodo é deixarse levar pola moda, polo obvio>>. Cómpre achar o inesperado, o que a ao resto non se lle ocorrería e sorprender para sorprenderse a un mesmo… niso consiste a perfección. De aí nacen os xenios, porque souberon empuxar o horizonte, adiantándose aos tempos. Pode que a esencia sexa a mesma, pois as ideas recíclanse, todos creamos a partir dunha influencia previa (consciente ou inconsciente), pero non é o mesmo que unha repetición. <<Penso que a arte consiste nun reciclado de material para reciclar emocións. No meu caso, sírvome das lembranzas dos outros para facer os meus propios recordos, e crear a partir deles>>.

Maite crea por medio de todo tipo de material que a inspire, desde o máis abstracto (a música) ata o máis físico (recortes de periódicos, bordados, fotogafía…). Co paso do tempo foi adquirindo a súa propia marca, a base de cores harmónicas, figuras xeométricas recortadas ó azar (en moitas ocasións rachadas) ou os retratos, recortes das antigas fotonovelas que rescata do Rastro de Madrid. É xusto alí o lugar onde Maite conforma o seu traballo como e cando quere. <<Non teño hora, non podo tela, porque para min esas ganas de facer non as escolle un, veñen, e son para min momentos de absoluta intimidade. Todo o meu traballo é persoal, unha paixón, aínda que resulte dura>>.

Maite OrtegaÁs inxustizas do negocio da arte que todo artista ten que soportar, súmanselle, ás inxustizas que veñen polo mero feito de ser muller. <<Esta sociedade é extraordinariamente machista, un fenómeno anacrónico. Non se pode entender como no século XXI as mulleres temos que aguantar a desigualdade que nos vemos obrigadas a aguantar, e en todos os ámbitos, mesmo no artístico. É un mundo de e para os homes. A muller está infravalorada e se lle seguen asinando os estilos ñoños, romanticones. Rapidamente te converten nunha categoría. Non te ven como artista, senón como muller>>. Como proxecto feminista, falamos de Protección Vegetal, unha serie de collages nos que as mulleres aparecían protexidas por bordados vexetais. En relación a este, Maite realizou Protección animal, semellante ó anterior, coa diferenza de que esta vez eran nenos sobre os que bordaba figuras zoomórficas. Este detalle vén dunha remota tradición pola que as nais bordaban animais nas chaquetas dos nenos, a modo de amuletos para protexelos.

O traballo de Maite é pois ecléctico, tanto en formato como en contido. De cara ao futuro, ten en mente un proxecto en Valencia, combinando a fotografía bordada e o collage. Nunca deixa de traballar, de viaxar, de encherse de experiencias… por iso é complicado preguntarlle por un momento especial, unha cidade, unha persoa, un instante… <<Un lugar e un momento, cando visitei o Señorío de Bertiz (Navarra), sen palabras… Unha persoa, tería que dicir dúas: miña avoa e, por suposto, miña nai… É miña nai quen me apoia incondicionalmente, quen está sempre ó meu lado, e literalmente, aquí está>>. E o seguirá estando, pois Maite Ortega seguirá facendo camiño ó andar, e será un camiño máxico…

TEXTO: María Rodríguez Carballo

FOTO: Andrea B. Freije

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *