Martyn Mills: A metódica loucura dun soñador profesional

Fotografía de Cris R. Lesmes

Fotografía de Cris R. Lesmes

Os proverbios aparecen a miúdo na procura de aclarar algún aspecto por medio dun pensamento popular baseado na experiencia. Ao longo desta semana, Aire centro de Arte albergou unha mostra do artista irlandés Martyn Marsland Mills cuxo título recolle o dito popular que foi levado á literatura polo recoñecido escritor Shakespeare: “The Method behind The Madness”. Literalmente, a sentenza denota o método que se agocha trala loucura.

Durante a inauguración da mostra, celebrada o pasado venres 21 de outubro, o numeroso público asistente foi testemuña directa do proceso creador que se agocha detrás de cada obra. En relación coa exposición, situada no singular espazo que comunica os dous andares de Aire centro de Arte, Martyn Mills realizou unha ilustración sobre cristal mentres os asistentes observaban o procedemento artístico.

Fotografía de Nacho Mascuñán

Fotografía de Nacho Mascuñán

“The Method behind The Madness” xurde para intentar dar cabida á raíz primixenia que dá forma ao ente visible. As senlleiras ilustracións de Martyn Mills conteñen un cariz representativo de elementos naturais. Dispostas conxuntamente, as imaxes son un todo que resulta tanto de maneira dual coma grupal. Seguindo a orde marcada polo efecto ascendente da localización, o visitante atópase con dous grandes cadros cheos de simboloxía ata dar paso á serie de figuras que, comezando pola natureza, pasan polo tempo ata finalizar en varios elementos que funcionan como un conxunto.

A obra de Martyn Mills é o resultado da conxunción do novo, as súas creación, con elementos procedentes de outras culturas. O antigo rende unha homenaxe ao espírito creativo, dando lugar a unhas obras que intentan ir máis aló, na procura do suxeito que se esconde trala conxunción. Desta forma, a sentenza e título da exposición “The method behind The Madness”, adquire un selo propio, aplicable tanto ao froito visible coma ao procedemento persoal e metódico do ilustrador irlandés.

Fotografía de Nacho Mascuñán

Fotografía de Nacho Mascuñán

En canto ao singular estilo que envolve a obra exposta, Martyn Mills asegura que “se trata dun estilo macabro, mais non no senso escuro ou inclusive gótico, se non que alcanza un cariz representativo que xoga co subconsciente”. Polo tanto, as fantasías macabras agochan unha razón: é o impulso intanxible que se volve visible en cada deseño. Como curiosidade, cabe remarcar que a maioría das ilustracións presentadas en Aire centro de Arte se perpetúan a través da pel, xa que o propio artista ten tatuados os deseños.

Detrás de cada imaxe macabra escóndese máis que un mero impulso creativo. Neste sentido, en palabras do propio artista “existe un método para todo, malia que o encargado de xestionar e crear os debuxos sexa o subconsciente”. De feito, Martyn Mills explica que segue un propio procedemento para crear, xa que entende que o feito de debuxar vai máis alá de crear imaxes racionais, trátase dunha terapia na que saen á luz elementos que permanecen agochados.

Fotografía de Nacho Mascuñán

Fotografía de Nacho Mascuñán

O feito de ter un método e uns instrumentos que conectan directamente co que pretende mostrar é a razón que se oculta tralos deseños. Desta forma, detrás da loucura, das macabras ilustracións que, como espectadores, podemos visualizar, encóntrase un método perfectamente definido para o artista irlandés. O propio artista, que se define a si mesmo como “professional dreamer”, é dicir, “soñador profesional”, outórgalle ó método de traballo e ás macabras e raras ilustracións un dorso singular, saíndose do común.

Por outra banda, trátase dunha mostra en constante transformación, xa que, sen perder o distintivo que caracteriza a cada un dos deseños e lles outorga un nexo de unión, durante o próximo ano o artista Martyn Mills pretende ampliar o número de ilustracións.

TEXTO: Alba Lojo

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *