“Como gustéis”. Persoas que habitan o baleiro

Detalle das caixas de luz (Ana Seoane)

Detalle das caixas de luz (Ana Seoane)

O mundo no que vivimos é un gran teatro no que cadaquén desempeña o seu papel con coidado. As representacións varían segundo o escenario no que se desenvolve cada escena, a máscara cambia co decorado. Como gustéis, de Ana Seoane, é a exposición que colga das paredes de Aire centro de Arte. Nuns días, o 22 de xaneiro, as personaxes abandonarán a escola e viaxarán aos seus novos fogares onde atoparán un espazo no que seguir o seu camiño.

Caixas de luz de Ana Seoane

Caixas de luz de Ana Seoane

A mostra, inaugurada o 20 de novembro, divídese en tres partes. Nas escaleiras, unhas caixas de papel translúcidas pechan as sombras nas que se converte a xente día a día. Apagadas toma peso a nada, a inexistencia, como nun teatro no que o pano aínda non se ergueu, mais cando se acenden déixase ao descuberto a existencia humana. Porén, ao ser iluminadas cunha luz pequena resáltase o baleiro do espazo no que habitan. Entón cobran importancia eses seres, pois non hai nada máis. Nada máis que nós, eles e elas nos seus momentos cotiás: oficios, música, infancia, maternidade, complicidades… A xente atopa o seu lugar e, sen querer o ollo de quen observa, espía, crea o universo no que habitan.

Obras de Ana Seoane

Obras de Ana Seoane

O mesmo acontece nos cadros que cobren as salas de verán e inverno. Aínda que separados en dous espazos, as pezas continúan a amosar como a xente vai, vén, queda… Soa ou en compañía, sen entender de idade, convertendo a súa vida nunha gran obra dramática. En cada unha, é o espectador quen decide como é o lugar que habitan, cal é a relación entre esas persoas, que agardan, que desexan, cara onde van… Figuras pintadas en detalle, en óleo, cunha expresividade sutil mais presente. As persoas pérdense no baleiro dun papel de 100×70, branco, inmenso, que resalta a súa presenza, como se non importase máis que o ser.

Detalle dun dos cadros de Ana Seoane

Detalle dun dos cadros de Ana Seoane

Pois, como di Ana Seoane “só un sabe a verdadeira historia que está representando” e, malia todo, o ollo alleo crea toda unha narración ao seu redor imaxinando vidas máis ou menos posibles.

Podedes saber máis sobre Como gustéis, da pontevedresa Ana Seoane, no texto que escribiu Neves Seara para Surcos, o número oito do fanzine Aire.

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *