54 quilos de dor salgada

DSC04280-300x200O mércores 25N, data marcada a sangue nos calendarios, chegamos á vila de Tui que agardaba por nós cuberta de néboa. A pedra da catedral latexaba expectante, como as cativas e cativos que se achegaron até ela para presenciar a performance Amante de Sal de Neves Seara.

Os arcos do Museo Histórico Diocesano observaron como a artista se vestía de noiva. Baixo capas de plásticos translúcidos, a modo de tules, cubriu a súa pel e ocultou os pés nus. Un traxe dun só uso, un vestido que garda soños, expectativas e ilusións. E, malia todo, un vestido efémero.

DSC04300-300x200A noiva saíu acompañada polas húmidas pedras e o silencio contido nas bocas das nenas e nenos. Paso a paso até chegar a altura da porta da catedral tudense. Alí acubillouse baixo a súa vestimenta, converténdose nun dos piares do edificio. Diante agardaba o sal recollido nun saco negro, negro como os golpes e os pesares de cada unha das mulleres que decotío sofren violencia de xénero. E, impertérrita, a catedral semellou sosterse en ambas pilastras.

DSC04315-300x200Co último toque das campás do mediodía, a noiva ergueuse do seu leito de pedra. Descubriu o seu rostro e camiñou firme, cunha calma aparente cara ás feridas. E alí, ante ese saco de bágoas, caeu. Con rabia, con dor, despezou cada unha das chagas, cada morado, cada insulto, cada golpe, cada choro… até desfacer esa carga.

DSC04326-200x300Abriu as feridas, rabuñou nelas, mollounas en sal… Berrou ao vento nomes. Nomes de mulleres que poden ser calquera de nós, porque unha nunca sabe en que pozo caerá. Nomes de mulleres asasinadas a mans dos seres que deberían querelas e respectalas, mais que só lles causan sufrimento.

Moitas caeron xa, e moitas seguirán a caer. Soas, incomprendidas. Cos seus seres queridos, incomprendidas. Unha morte sumida en ira para quen só buscaba unha vida feliz.

DSC04328-300x200Mais outras lograrán escapar e pechar as feridas, aínda que a escalada por unhas paredes cheas de mofo non sexa doada, aínda que crave a cada paso un pedrolo. Só ten que estar decidida a camiñar cara a saída e rachar os prexuízos, as concepcións equivocadas, os perdóns que non levan a ningures… Igual que Seara despezou os retallos do seu vestido, xa quebrado, de noiva.

DSC04331-300x200Amante de Sal, foi unha performance realizada por Neves Seara para as xornadas #ViolenciaZero, organizadas por Mulleres en Acción por mor do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ao longo da provincia de Pontevedra realizáronse unha serie de accións que pretendían concienciar, implicar e abrir os ollos á sociedade.

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *