(In)Existencias, Aire Fanzine de Arte 07

En moitas ocasións, quizais demasiadas, o ser humano camiña entre a fina liña que separa a súa percepción de ser e non ser. Ese equilibrio entre o permanecer e o marchar é o eixo sobre o que xira(In)Existencias, o sétimo número do fanzine Aire.

A portada dos meses de maio-xuño (2015) é a obra conxunta “Man a man II” realizada por Catalina Rodríguez e Yolanda Ataraxia, alumnas do centro. A acuarela e a tinta china dilúense, arrastrando con elas as cores. Esta peza forma parte da súa exposición “Error Vacui”, título que vén da expresión “horror vacui”, o medo ao baleiro, como explican as propias artistas xunto a Neves Seara, comisaria da exposición, e Manon Talmant, artista colaboradora en Aire, é substituído por un xogo co espazo e os erros. Tanto Catalina como Yolanda amósannos dúas formas moi distintas de entender as equivocacións e a necesidade de facer pausas no camiño. Dous xeitos de comprender a arte e o que agocha o noso interior que, inda así, casan á perfección, creando un universo emocional tan rico que eses baleiros énchense por si mesmos a través da mirada que observa cada peza.

Entre as páxina de (In)Existencias tamén atoparedes dúas exposicións máis. A primeira, “Derivas del Abandono” de Adriana Pazos Ottón, lévanos a través da fotografía en branco e negro por aqueles lugares que deixaron de ser, que só conservan a súa ruína. Ruína que lles dá un novo ar, un novo sentido á vida dos refugallos. Acompañan á exposición as verbas do poeta Juan Bello, “el mundo crece hacia el pasado, el futuro es un bosque que ya ardió en alguna parte” e a danza de Paula Quintas que, sobre un leito de porcelanas escachadas, realizou a súa performance “[Into It]”.

A segunda exposición titúlase “Impresión Carnal”, exposición conxunta que amosou os traballos fotográficos dos artistas Sabela Alonso, Carlos Cambre, Varja Javanovic, alumnos da E.A.S.D. Mestre Mateo (Santiago de Compostela) e Teresa Búa. En cada fotografía, a propia pel convértese nun lenzo, nun relato das vivencias, das emocións, que van alén do cotián e transgriden o día a día. A pel como testemuña do vivido, das lembranzas, do presente… Na propia inauguración introdúcese este concepto a través da performance de Teresa Búa, “Trance autoinducido”, que transforma o seu propio corpo nu nunha folla escrita que se escribe, le e mira a si mesma.inexistencias_interior-150x150

Non esquecermos que introduce o fanzine o texto “(In)Existencias” escrito por Neves Seara no que se explica “tan ausente y tan presente, tan silenciosa y tan sonora, escura y luminosa ausencia…” ese baleiro que en realidade non é tal.

A piques de pechar o fanzine atopamos o texto “La sonrisa escondida de una arlequín” escrito por Andrea Barreira e ilustrado por Cristina Ramírez. Un relato inspirado no concepto de inexistencia, unha reflexión simbólica sobre que é o que nos fai reais, ese equilibrio entre o querer e non querer ser, estar…

E como contraportada temos a imaxe impactante de Mónica Mura que non deixa indiferente a ninguén coa súa dureza. Lembrade que é a propia Mónica quen leva o deseño do fanzine, sempre con coidado e agarimo para que chegue ás vosas mans un anaquiño desas inexistencias que tantas veces precisamos cubrir.

Agora a mergullarvos na lectura e xulgade por vós onde se atopa o baleiro…

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *