“Inventario”, de Melania Freire: Unha porta de acceso ao sensible

Texto: Alba Lojo

Foto de Nacho Mascuñán

Elementos que dan orixe aos demais son a síntese da mostra Inventario, da artista lucense Melania Freire. Nesa busca da raíz primixenia embárcase neste trimestre Aire centro de Arte coa temática de Matriz. Así, a inauguración que tivo lugar o pasado 20 de xaneiro abría unha nova ventá que achega ao público visitante unha selección de mostras relacionadas con esa materia básica que da forma ao presente de cada individuo.

Inventario eríxese coma unha mostra que mergulla ao público na orixe familiar de Melania Freire, pero que se pode extrapolar coma a viaxe que facemos cada un de nós, como individuos curiosos polo noso pasado e que, de algún xeito, dan sentido ao que somos hoxe en día.

Neste aspecto, Melania afirma que malia que non se trata de obxectos que ela vivise directamente, simbolizan a matriz da súa familia. Trátase dun profundo estudo de elementos cotiáns, tales coma mantas, panos ou cestos que teñen un sentido propio mais que, se os analizamos illados do seu contexto, acadan un novo significado que lles infunde a autora.

Foto de Nacho Mascuñan

Todas as pezas que abarca Inventario conteñen unha carga simbólica moi importante tanto coma un ollar cara o pasado coma o xerme dunha nova árbore. A artista investiga as súas raíces a través de obxectos que xa perderon a función para a cal foron creados. Por exemplo, en É xenealóxico, a artista integra nunha fotografía as mantas que formaron parte da familia, ordenándoas desde as máis antigas ata as máis recentes. As iniciais dos propietarios concédenlles o cariz íntimo e privado, así como a suxestión a seguir aumentando o montículo.

O espazo familiar acada unha nova concepción coma un territorio fértil para xerar un novo simbolismo. O fogar primixenio convértese en inspiración para a artista. “A casa vella é a casa onde xorde o núcleo familiar de Mamuelas (Lugo), que era a casa natal na que meu avó viviu. Para min non deixa de ser unha especie de almacén, onde os recordos se mesturan coa realidade”, manifesta Melania coa intención de explicar a instalación que simboliza os chourizos colgados no fogar. A casa que deixou de ser vivenda para converterse no almacén no que ela observa as labores propias da vida na aldea. Deste xeito, Melania achégase ás súas raíces a través dunha serie de obxectos con gran carga simbólica e visual.

Seguindo o ensaio entre a observación dos elementos e a busca da matriz, Melania xoga con todo tipo de obxectos outorgándolles o seu propio cariz. En Natureza morta, a artista adéntrase nos tradicionais bodegóns, recollendo a idea e dándolle a súa propia visión. As tres fotografías forman un so elemento. Trátase dunha exploración entorno á idea do cesto que era utilizado polas mulleres para transportar alimentos na meirande parte dos casos.

Foto de Nacho Mascuñán

Así, Inventario é a síntese visual dun estudo sobre elementos cotiáns que se conciben coma a matriz neurálxica da artista Melania Freire. Unha mostra que se introduce nunha realidade pasada entendida coma o nexo de unión necesario para avanzar cara o futuro, considerado coma unha reutilización dos elementos máis tradicionais que acadan unha simboloxía diferente segundo o ollar dos espectadores. Así, os obxectos que conforman a mostra reinterprétase en cada mirada sen perder a faciana tradicional e familiar.

A exposición estará dispoñible en Aire centro de Arte ata o próximo 24 de febreiro.

Por favor seguenos e comparte:
var addthis_config = {
url: “http://airecentrodearte.es/aire/2017/02/08/inventario-de-melania-freire-unha-porta-de-acceso-ao-sensible/”,
title: ““Inventario”, de Melania Freire: Unha porta de acceso ao sensible”
}

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *