Texto: María R. Carballo
Imaxes: Nacho Mascuñán
“A arte non serve para nada e serve para todo porque nos permite expresar todo o que somos. Doutro xeito non poderíamos”, Neves Seara.
A artista xa comezara a falar e aínda seguía entrando xente. Eran as 20h do pasado 23 de novembro cando Aire inauguraba nova exposición da man da artista galega Bea Romarty. Atento o público ás súas palabras, puidemos achegarnos máis preto da súa obra, tan ampla como complexa e completa; non en van, ocupa todo o espazo da galería, en varios planos ademais, tanto no físico como no metafórico. De feito, o seu traballo, arriscariámonos a dicir, é unha metáfora do proceso cíclico no que a miúdo se presenta a vida. Durante dito proceso, a obra de Romartynace tanto da necesidade como do pracer de recoller e expresar o seu “eu” máis íntimo, nostálxico, ás veces incluso dende a morriña da infancia e, coma un xogo, xoga cos parámetros tradicionais da escultura e da cerámica. Transforma a visión clásica rachando cos seus principios a través da deconstrución e o que xorde é unha obra libre, sen prexuízos, allea ao que tradicionalmente se entendeu como cerámica.
Así pois, podemos afirmar que a súa obra achégase máis a escultura, xa que o primeiro que fai é cargase a función clásica da cerámica. A súa disfuncionalidade é a característica máis obvia, xa que a decoración non se restrinxe adaptándose á función, senón que a traspasa, traspasa o propio material fundíndose co propio obxecto. A función queda transformada e pasa a considerarse igual de importante que a forma, tamén froito dun proceso de deconstrución. Romarty destrúe como método de creación. Non se trata de reconstruír, senón de deconstruír. Esnaquizamos un obxecto ou un concepto e dende os anacos creamos algo novo. O deconstrutivismo non implica disfuncionalidade, máis si neste caso e, como consecuencia, os elementos adquiren un novo significado, unha nova ollada. O resultado é froito da inquedanza e, polo tanto, da busca. Que se agocha tras os pasos infatigables da súa curiosidade? Ata onde somos capaces de seguila? Ata onde capaces de ver? Máis aló da realidade, a un mundo máxico, escondido entre os tortuosos e enramados camiños dunha natureza mística.
A súa é unha labor recolectora e conectora deste medio, dende o cal introduce distintos elementos que confiren esa liberdade á obra. Bonecos, arames, cordas… obxectos atopados, obxectos marabillosos que unha vez estiveron baleiros, pero que agora se converten en contedores dun significado, de moitos, que fusionados coa cerámica dan lugar a unha serie de pezas únicas, dinámicas, anímicas… vivas. Son algo máis que cerámica, teñen alma, son unha parte da artista: son arte. Pois máis aló da arxila, da cola, ou da celulosa… estas pezas compóñense de tempo, natureza e busca, cuxa xestación resulta tan importante como o nacemento.
O proceso performativo a través do cal unha obra é concibida facilmente queda relegado a un segundo plano. A obra é o importante, é o que admiramos porque é o que vemos. Mais, en realidade, só é a punta do iceberg, o resultado do último trazo dun proceso moito maior, que non se ve porque o tempo é inalcanzable, e é precisamente por iso que esta serie trata de capturar a imposibilidade deses incontables momentos. Momentos nos que a persoa descarga un camiño percorrido que se retroalimenta e medra con cada novo trazo, ata chegar ao que considera o derradeiro. Percorrido que podemos observar, entón, na colocación das obras ao longo da galería en forma de onda, representando a dinámica do tempo no que a serie foi concibida. Este carácter conceptual recolle se cadra o máis importante da mostra: que o tempo do proceso creativo garda a mesma importancia que a creación propiamente, xa que é nese espazo onde ten lugar a creatividade: Romarty en íntima relación coa natureza, nun ritual de recolección diríamos case sagrado, na volta ás súas orixes, ás súas lembranzas.
Unha relación de igualdade entre proceso e resultado que, por outro lado, rompe novamente cos parámetros canónicos e que atopabamos tamén no binomio función-forma ou na mesma concepción dos materiais, totalmente libre, conformando paralelamente o seu carácter máis ecléctico. Porque, se ben a deconstrución é a característica máis sobresaínte, non tardamos en admirar a aura barroca que atravesa a mostra, reflectida na necesidade de rodear as pezas –para comprendelas dende todos os seus puntos de vista–, os abruptos entrantes e saíntes das cerámicas, ou a excesiva decoración da mesma. Sen embargo, a temporalidade barroca que adquire esta exposición provén sobre todo das fotografías que acompañan ás pezas escultóricas. Nelas, admiramos a xesticulación, a teatralidade, o movemento ou a extraordinaria fusión entre luz e escuridade, un contraste harmónico que, do mesmo xeito que no barroco, non quedaba relegado a unha mera funcionalidade estética, senón tamén conceptual, acompañando á agresividade das escenas representadas. Estas, ao mesmo tempo, son unha clara evocación e homenaxe ás obras daquel tempo, citadas ademais pola propia artista. E cítase tamén a si mesma a través dun autorretrato, situado ao comezo da serie fotográfica, deixando claro, non xa que ela é a autora da obra, senón que a obra é ela mesma, que da xenia creadora nace todo ese traballo que, ao mesmo tempo, fala da xenia creadora e do proceso de creación.
Sen dúbida, a obra de Bea Romarty preséntase como un círculo, mellor dito, como unha espiral, pois trátase dun ciclo vital, se ben de comezo, nó e desenlace, tamén de relación entre receptor e emisor, isto é, artista e público, polo que o proceso creativo nunca remata, senón que medra e, de cada vez, o diálogo é distinto. Para Aire Centro de Arte é unha exposición completa e simbólica, xa que Aire constitúe ese espazo de encontro de todos estes elementos fundamentais, principalmente polo proceso de creación, de transformación, de continuo cambio. E, certamente, cando a arte acada isto, acada todo.
Bea Romarty
Manuela Díaz