Para un segundo. Detén a túa ollada por un anaco. Observa con coidado as liñas que debuxan ao ser que tes diante. Es quen de ver cada liña? Cada curva que conforma o seu corpo? Como se descompón en esferas, óvalos…? Ves como os músculos se desfán marcando camiños sobre a pel? Para. Observa. Busca a esencia que conforma á persoa.
Despois captúraa nun papel. Deixa que cada trazo obteña unha nova intensidade, que acade un novo xeito de facerse real. Cando fas un debuxo no que copias a realidade que hai ante os teus ollos, estás a facer un debuxo ao natural. Ante ti pode erguerse un obxecto, unha persoa ou unha paisaxe, mais é tan real como ti… Entón… quen fai o debuxo ao natural convértese nunha cámara? Non, vai alén pois queda coa esencia, coas liñas, cos riscos que máis caracterizan o que ten diante.
En Aire, ante os teus ollos terás a unha muller. Non será preciso que vaias ao detalle, non terás que escoller cal engurra marca mellor o seu paso polo tempo ou cantos lunares pingan sobre a súa pel. Irás á esencia, ao que suxiren os remuíños que se fan entre as súas articulacións cando cambia a súa postura.
Terás que loitar contra ti, contra o que sabes do corpo, do coñecido e do aprendido e confiar no que os teus ollos perciben. As proporcións das realidades variarán en función do marco, do tamaño do papel… Coa axuda dun lapis, dun pau… As escalas cambiarán ao teu antollo.
Non esquezas que o resultado depende da ollada, se observas a realidade con atención o corpo será moito que máis que un corpo. Logo é deixarse levar polo lapis, o carbonciño, os pasteis, acuarela, tinta chinesa, sanguina…
As datas variarán, mais o que é seguro é que durante un xoves e un sábado ao mes poderedes achegarvos a Aire centro de Arte e experimentar co debuxo ao natural. Deixaraslles aos teus ollos ver alén do que marcan as luces e as sombras?