#savegendermuseum

Imaxe da campaña #savegendermuseum

Imaxe da campaña #savegendermuseum

Ao longo do presente mes de novembro, Arte centro de Arte acolle unha serie de actividades relacionadas co xénero, en relación co Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro). Unha das accións máis representativas é a campaña solidaria a prol do Gender Museum de Ucraína, mediante a recadación de fondos para financiar o espazo e a difusión do proxecto co fin de chegar ao maior número de público posible.

O proxecto #savegendermuseum ten como obxectivo principal salvar do peche ao único museo de xénero de Europa do Leste, situado na cidade ucraína de Járkov, a segunda en importancia tras Kiev, a capital.

A iniciativa xorde en xaneiro do 2015 por parte da artista e activista española María Sánchez (Guadalaxara, 1985). Desde ese momento, o museo sobrevive grazas ao apoio e aportación económica de mecenas concienciados de diferentes partes do globo terráqueo. As declaracións dos mecenas, recollidas na páxina web da campaña, transmiten a necesidade de seguir construíndo o futuro en plena igualdade, así como a condena a todas as situacións de discriminación e violencia que seguen vivindo diariamente as mulleres.

Poñéndonos en antecedentes, María Sánchez chega a Ucraína dentro do Servizo de Voluntariado Europeo. Tras desenvolver o seu traballo en galerías e centros de arte cercanos, a súa andaina levouna ás portas do Gender Museum. O seu labor era claro: tiña que embalar as máis de 3.000 pezas que forman a colección do museo en caixas para evitar que sufrisen danos durante o conflito e pechar as portas do único museo de xénero de Europa do Leste.

A complicada situación ucraína desde o ano 2013, tralo Euromaidán e o fatídico Xoves Negro de Kiev, deixaba os intereses sociais aparcados ante o panorama político de enfrontamento entre os prorrusos e os proeuropeos. Jarkov, xeográficamente próxima a Rusia, foi unha das rexións que máis sufriu as consecuencias das protestas contra o goberno ucraíno, de feito, na cidade vivíronse momentos críticos, coma a caída da estatua de Lenin.

Plano Gender Museum

Plano e financiación do Gender Museum de Ucraína

Malia que estamos a falar dun período de conflito, o museo recibiu máis de cincocentas visitas entre o ano 2013 e o 2014, o que se traduce en cincocentas chamadas ao teléfono persoal da directora do centro Tatiana Isaeva (Járkov, 1959) para que abrise as portas e mostrase a colección.

En canto á financiación do museo, nun primeiro momento percibía subvencións económicas procedentes tanto do goberno de Járkov coma do ucraíno, ademais de recibir axudas dende outros colectivos. Tralo inicio das protestas e a inestabilidade política, as axudas deixaron de chegar, así que a propia directora do centro decidiu aportar unha parte da súa precaria pensión para o Gender Museum. Sen embargo, a prolongación do conflito obrigou a que Tatiana derivase esa parte para as persoas que se encontrasen na fronte.

Así, o museo ficou cunhas condicións precarias, mais cunha necesidade cada vez maior de continuar o seu labor educativo e de concienciación cara a igualdade. Segundo relata María Sánchez, a primeira vez que chegou ao museo, accedeu ao interior coa luz dunhas candeas e axiña tomou conciencia de que era necesario mostrarlle ao mundo exterior o Gender Museum.

Gender Museum de Járkov

Algúns dos obxectos que se poden atopar no Gender Museum de Ucraína

Algúns dos obxectos que se poden atopar no Gender Museum de Ucraína

O museo de xénero de Járkov ten unha colección que contén máis de 3.000 obxectos, malia que por mor das reducidas dimensións do espazo que alberga o museo, moitas pezas se encontran almacenadas en baúis. Trátase de fotografías, libros, películas, entrevistas, xoguetes, obxectos persoais de activistas de xénero, entre outras pertenzas.

O emprazamento do museo concédelle un cariz singular xa que se trata dunha antiga vivenda soviética. Dúas habitacións de 55m² forman o espazo museístico. Neste senso, Tatiana Isaeva encárgase de desprazarse ao lugar onde sexa necesario, facendo así recorridos polas distintas escolas ou centros onde poida mostrar unha parte da colección, xa que a través dos obxectos intenta concienciar e educar en igualdade aos escolares e á sociedade ucraína en xeral.

O equipo do museo está formado pola directora e máis a súa filla Mariya Chorna, quen é a encargada de deseñar os carteis que forman parte da colección. Ademais, contan coa axuda dunha serie de voluntarios chegados dende diferentes partes, coma no caso da española María Sánchez.

Cartaz sobre a loita feminista

Cartaz sobre a loita feminista

A partir do ano 2006 empezáronse a crear diferentes exposicións temporais baixo o lema “Let’s create a Museum about us!”. Ata o ano 2013, o museo non contaba cun local permanente, se non que se trataba de distintas exposicións en diferentes galerías de Járkov así coma noutras cidades de Ucraína.

O obxectivo do museo é educar en igualdade á sociedade ucraína, mostrando a historia das mulleres e a súa loita a través do tempo, a súa liberación e sufrimentos, o movemento feminista e as súas ramificacións

A inexistencia do xénero

“Estamos a falar dun país no que non existe a palabra xénero”, afirma María Sánchez. É dicir, o dicionario ucraíno non recolle ese termo, pero que non exista coma tal non implica que non se entenda a necesidade e a repercusión que ten.

Os estudos de xénero en Ucraína existen desde finais dos anos noventa dentro do ámbito académico e apoiados por programas europeos. O resultado destes estudos foi un incremento do número de mulleres estudando. Sen embargo, este non é un feito novo. Se nos remontamos uns anos atrás, Ucraína estaba baixo o xugo da Unión Soviética, no cal se defendía a igualdade social entre homes e mulleres. Daquela, non era un feito casual que as mulleres accederan a altos cargos ou ocupasen postos relevantes.

Trala caída do socialismo, a sociedade ucraína sufriu un notable retroceso non só dos seus dereitos, se non dentro da propia sociedade, creando un complexo aparato de control sobre as mulleres.

Polo tanto, estamos a falar dun museo de xénero nun país no que non existe ese término, carcomido pola guerra e na que case existe un 50% máis de mulleres que de homes, xa que debido ás últimas guerras Ucraína perdeu cerca do 80% da súa poboación masculina.

Tatiana Isaeva, directora do Gender Museum de Ucraína

Tatiana Isaeva, directora do Gender Museum de Ucraína

Neste contexto, a beleza convertese nunha arma coa que conseguir un bo marido e, xa que logo, unha boa posición social. As mulleres ucraínas están educadas coa firme convicción de que as súas vidas están orientadas ao coidado dos fillos e do fogar. Conta María Sánchez que moitas familias custean o primeiro ano de carreira das rapazas co fin de que estas atopen un bo matrimonio. Así, no canto de acudir á Universidade motivadas pola ansia educativa de optar por un mellor posto de traballo ou de formarse, os corredores semellan pasarelas onde cada muller debe desfilar cara a atopar o seu futuro marido.

Así, non existe conciencia sobre a historia das mulleres. En comparación con países occidentais, Ucraína non viviu as loitas fe mistas dos anos 70 e 80 pero si que últimos anos desarroiouse e ampliouse a base lexislativa para garantir a igualdade de xénero. Nembergantes, continúa a existir unha grande disparidade entre a lexislación e a realidade.

A campaña iniciada por María Pimienta non persegue soamente que o Gender Museum de Járkov manteña as portas abertas, se non que cumpre un obxectivo social de vital necesidade. Trátase de educar e concienciar á sociedade ucraína en igualdade, proceso no cal o museo se erixe coma un centro neurálxico. Unha das maneiras de reivindicar e promocionar o papel das mulleres é mediante a creación dunha rede internacional de museos. A creación dun espazo museístico permanente consolida o movemento a prol da igualdade de xénero, así como a punto de atracción de periodistas e unha ampla capa da sociedade cara aos os problemas de xénero.

Neste senso, Aire centro de Arte aporta o seu gran de area á campaña #savegendermuseum acollendo a exposición Raíces dentro do micromuseo de xénero #casamorada.

TEXTO: Alba Lojo

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *