Migración, política e muller

OLLASENBOTONA finais do século XX o acceso da muller no ámbito da política comezou a percorrer un camiño de loita que perdura nos nosos días. Aínda así, o liderado e a participación das mulleres na política está en perigo, atopándonos na meirande parte das ocasións con situacións de escandalosa desigualdade. O pasado 26 de maio, Visi López del Riego e Luca Chao ofrecéronnos unha charla sobre migración, muller na política e paridade en Aire Centro de Arte, con motivo das xornadas de xénero que se están a impartir dende o 24 deste mesmo mes.

Luca Chao comezou a charla que se centrou na participación da muller na política e a representación que esta ten na actualidade. Ofreceunos datos estremecedores, nos que vemos que na meirande parte das ocasións, tanto no ámbito nacional coma no internacional, a representación da muller na política é escasa ou nula. Ademais, resultou interesante o percorrido que fixo polas políticas de equidade nas que, a través de accións afirmativas como as cotas de xénero, realízanse unhas propostas lexislativas cara a paridade.

Despois foi a quenda de Visi López del Riego, que fixo un repaso pola historia dos dereitos da muller, e logo polos termos xurídicos máis empregados coa finalidade de desentrañar o seu significado e deixar claros estes conceptos tan á orde do día como son sororidade, paridade, emponderamento ou teito de cristal.

Ao final da charla abriuse un debate que xirou ao redor da eterna pregunta que se formula ante este panorama de desigualdade: como cambiar a situación? O feito de organizar este tipo de debates axudan a concienciar á sociedade sobre un problema real polo que moitas veces pasamos de largo. A concienciación, o coñecemento sobre os conceptos e sobre todo a educación neste tema son as tres premisas fundamentais sobre as que sustentar a base do cambio cara unha sociedade de igualdade.

Desde Aire Centro de Arte convidámosvos a que participedes de maneira activa nesta loita asistindo a estas charlas, para así comezar unha andadura no camiño cara á igualdade no que aínda queda moito por percorrer.

Texto: Sara Lodeiro

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *