A performance ou arte en acción é unha linguaxe artística moi experimental. A palabra, o espazo, o corpo, a expresión, as técnicas plásticas e as escenográficas mestúranse nun taller intensivo dun día (de 10-14 h e 16-21 h) no que os rapaces e rapazas experimentarán a expresión creativa máis intensa e directa. Tras unha explicación teórica desta linguaxe na que se lles mostrará unha serie de vídeos dos performers máis destacados tanto a nivel nacional como internacional, darase paso a unha práctica en escena por medio de exercicios corporais.
Despois estaremos preparadxs para a improvisación e posterior deseño dunha performance coa temática traballada. Cada un actuará para o grupo de xeito individual, en parella e en grupo, para exercitar a “escoita”. Valorarán como espectadores e como actuantes a representación e a capacidade de transmitir as emocións das que partiron, a un tempo que o uso da iluminación e dos obxectos no espazo. Traballarase o autocoñecemento, a comunicación, a comprensión emocional e os conceptos artísticos e estéticos desta linguaxe.
* * *
O taller está guiado por Neves Seara, artista e performer cunha carreira de case 15 anos realizando intervencións a nivel internacional, con experiencia teatral e con 3 anos de traballo terapéutico grupal.
Para datas concretas, consultar na axenda ou no email e teléfonos de contacto.
* * *
Público: de 14 a 18 anos
Prezo: 25 €
* * * * * * * * * * * *
HERE AND NOW (performance)
Este taller tamén, intensivo dun día, estará guiado por Neves Seara nun horario semellante ao anterior. Falarase das dinámicas corporais e teoría e práctica da performance, pero co traballo emocional apoiado por unha terapeuta Gestalt e integrativa que tamén conta con experiencia no ámbito da danza e do teatro.
Para datas concretas, consultar na axenda ou no email e teléfonos de contacto.
* * *
Público: de 18 a 100 anos
Prezo: 70 €