Puntadas dunha vida

Os espazos, de xeito inconsciente, inflúen en nós, de igual xeito que nós influímos neles. De aí, que na maioría das ocasións, os lugares que habitamos sexan un reflexo xa non só da nosa personalidade, senón tamén do momento emocional e vital no que nos atopamos.

Julia Ferradás vén de inaugurar a exposición Fachadas de Fío no micromuseo de xénero #casamorada. Trátase dun conxunto de casas bordadas a man sobre teas de distintas cores. Porén, non son unhas casas cales queira. Son espazos que habitou nalgún momento da súa vida, o que lle dá a mostra un carácter case de resumo existencial.

A artista comezou bordando catro casas coa intención de probar técnicas e proxectos novos. Viña de estar centrada principalmente na fotografía e na ilustración. O que non deixa de ser curioso é que tanto no plano da fotografía como nestes bordados se centre nas casas, pero nos fogares pasados. Nas fotografías retrata edificios en ruína mentres que estes cadriños recollen edificios habitados por ela nalgún momento. «O da fixación coas casas ven de lonxe… Marcoume moito de pequena un cambio de casa, simplemente deixabamos unha vella por unha nova no mesmo lugar. Pero deixaba tanto alí dentro naquela casiña… Logo os maiores sempre che contan vellas historias… e as vivendas sempre teñen moito peso, sobre todo no mundo labrego… Supoño que inconscientemente, eu bebín dese cariño pola figura da casa», confesa Ferradás.

O proceso de creación de Julia Ferradás comeza co bosquexo das casas no reverso das teas de cores. Estas teas proceden dun mostrario de tecidos para bebés o que remarca aínda máis o carácter infantil destas creacións. Un carácter intencionado pois as imaxes lembran a esas casiñas sinxelas que debuxabamos de nenas: coas súas ventás, porta, cheminea, se cadra algún balcón… Debuxos doados pero que agochaban toda unha historia detrás deles, que vai alén da fachada exterior. Unha vez máis regresamos á infancia cun sorriso máis que con nostalxia.

Entre dúas e tres horas pasa Julia dando puntadas, ás veces de fío negro, outras de fío branco, coma quen constrúe o seu fogar paso a paso, cos tremores de pulso, cos puntos superpostos… Nun regreso á pureza e ás liñas lenes que saen dos dedos das crianzas.

Estas fachadas conforman unha especie de vila coa #casamorada. Edificios illados, casas que seguen un camiño. E cada unha agocha unha historia dentro que só coñece quen habita nela. Cantas veces nos preguntamos que acontecería tras as ventás que se acende de noite ou as primeiras en prenderse na madrugada? Cantas veces nos imaxinamos como sería a veciñanza de certos edificios? Fachadas de Fíos, igual que #casamorada, pídenos que vaiamos alén deses muros, que os atravesemos sen medo ao persoal.

De feito, Julia acompaña a exposición cun conto (que podedes ler en Aire centro de Arte) que comeza coa frase “Coida ben o que dis, que as paredes todo o escoitan”. E se falaran… cantas historias contarían! E aí está a esencia da exposición Fachadas de Fío, en deixar que as paredes conten as historias que pechan : “Non, non era unha casiña con encanto, pero a casa da avoa tiña todo o preciso para ser a casa dos seus soños”. Con esta cita deixamos a reflexión de como somos quen de poder construír, reconstruír, destruír o espazo que habitamos, alén das aparencias.

Julia recoñece que agora está nun momento centrado na docencia, mais hai cousas das que unha non pode desprenderse, polo que estamos convencidas de que nunca deixará de crear.

Fotos da exposición: Nacho Mascuñán

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *