Raíces estereotipadas

“Unha muller que non se gusta a si mesma non pode ser libre e o sistema tense encargado de que as mulleres non cheguen a gustarse nunca” (Beatriz Gimeno).

IMG_6612Desde as súas orixes ata hoxe, os medios de comunicación seguen a adxudicar á muller o mesmo papel: xoguete sexual, nai, filla, irmá, secretaria… Sempre coidadoras, sempre traballadoras para á outra metade da poboación, os homes, e por suposto, sempre guapas. Porque a aparencia é o máis importante, é o que vende. Por iso, en realidade, non vale estar guapas para nós mesmas, senón para o canon. Os canons de beleza lonxe de representar liberdade, levan supoñendo unha forte carga, tanto física como psicolóxica de opresión para as mulleres. Mentres estamos ocupadas e preocupadas polo que dirán da nosa roupa, do noso pelo, da nosa barriga, das nosas pernas, dos nosos peitos, do noso nariz… non nos decatamos do verdadeiramente importante: que en España as mulleres cobramos un 20% menos que os homes, que as mulleres ocupan un 22’8% dos postos de poder, que o 85% das persoas que se someten a cirurxía estética son mulleres, que cada oito horas unha muller é violada… Iso si, cando por fin protestamos véñennos cun “muller, non sexas radical…”.

Somos unhas radicais e unhas histéricas, tanto que o pasado mércores en Aire ocorréusenos a “radical” idea de dar unha charla sobre a obxectivación do corpo feminino na publicidade española. Raíces estereotipadas enmárcase dentro das actividades que en Aire realizamos con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, 25 de novembro, no #mesdexénero. Porque, ao contrario do que se soe dicir, toda aporta é moita para dar voz ás mulleres, unha voz que non pode, non quere e non debe calar nunca.

IMG_6627E tanto que non calamos, xa que as dúas horas iniciais de charla de debate acabaron converténdose en tres. Pero non é de estrañar. Moitxs poderán sorprenderse, “a muller na publicidade… pois non é para tanto”. É triste atoparse con sentencias como estas, que non manifestan outra cousa que a ignorancia xeneralizada da sociedade neste senso. A pouco que un se pare e empregue esa tan esquecida e poeirenta ferramenta chamada xuízo crítico decatarase das barbaridades que en pleno século XXI aínda seguimos a ver nos medios, e moito peor ante o nefasto uso das redes sociais. Porque a pesar de que no pasado a muller era un símbolo de pracer, non aparecía hipersexualizada e menos da forma tan agresiva como se leva facendo desde os anos 80. Do mesmo xeito que nos escandalizamos ao saber que non foi ata esta mesma década cando se promulgaron as primeiras leis de regulación da publicidade e ata a primeira década do 2000 cando saíron as referidas á defensa da dignidade da muller.

Cando nos presentan unha batería de imaxes publicitarias nas que se interpreta claramente que ela é o gancho para atraer aos consumidorxs, e tendo coñecemento do panorama lexislativo actual, decatámonos de que as cousas non van tan ben como pensabamos, nin tampouco que temos avanzado tanto. E é que na maioría de anuncios é a figura feminina o reclamo para a compra-venda dun produto. Pero por outra banda, quen son os artífices de todo este sistema de poder? Os homes. Isto lémbranos aquel cartel das Guerrilla Girls no que se podía ler: “Menos do 4% de artistas nas seccións de Arte Moderno do Metroplitan Museum son mulleres, pero o 76% dos espidos son femininos”. Temos logo as mulleres que estar espidas tamén aquí para que se nos preste atención? Para acceder aos postos de poder?

IMG_6608Pierre Bourdieu escribira unhas poucas palabras que pode que resuman á perfección todo o que levamos aportado sobre o tema:

“A violencia simbólica exercida polos medios de comunicación nas nenas impón unha forma de coacción, da opresión, absoluto, insuperable, xa que as nenas non teñen outras categorías para pensar e pensar, que as que lle son inoculadas pola propaganda, e que non son máis que a forma incorporada -feita corpo- da relación de dominio. A eficacia desta violencia simbólica baséase no traballo previo constante e dedicado de pais, titores e educadores, dando unha direccionalidade para a construción da subxectividade feminina, moldeando os corpos, disciplinando, inoculando uns xestos, prohibindo outros, permitindo uns comportamentos e censurando outros, todo o cal é necesario para producir estas «disposicións permanentes» nas que se apuntala a acción eficaz da violencia simbólica, capaz de activalas”.

TEXTO: María R. Carballo.

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *