<<Na tarde do sábado 26 de novembro, de 16 a 21h, desenvolverase un obradoiro de performance, para adultos a partir de 16 anos, impartido pola performer Neves Seara. Como ela mesma explica, <<neste taller trataremos de espertar ao explorar que levamos dentro, deixando o autoxuízo, os medos… para aprender nun entorno coidado a expresarnos de outros xeitos. A intimidade é o máis interno e inexpresable do ser humano, é o seu lugar sagrado, a súa casa. A performance amosa a nosa intimidade: expoñémonos, amosámonos ante o público. Só creando un espazo coidado poderemos comunicar as nosas emocións e, así, chegar a transmitirlle algo aos demais>>.
Seara considera a performance <<como a expresión artística máis completa porque a emoción da artista, da espectadora e as sensación que o propio espazo aporta á acción danse, a un tempo, no mesmo momento e no mesmo lugar>>. <<A performance é a arte de contar a vida e a arte de vivila; é un espazo íntimo nun espazo vivo>>, explica Neves Seara.
Reserva a túa praza no e-mail airecentrodearte@gmail.com ou chama ao 981 589 059.