NORTE. Coordenadas culturais

O equipo de NORTE durante a presentación do proxecto

O equipo de NORTE durante a presentación do proxecto

Hoxe as entrevistadas son elas. E elas son NORTE, cinco mulleres que compoñen unha palabra que en pouco tempo dará moito que falar. Porque NORTE non só é unha palabra, senón unha paixón, unha corrente de aire frío que vén para espertarnos e berrarnos todo canto nos estamos a perder, por exemplo neste mesmo intre no que estamos unhas a escribir esta crónica e outros a lela.

Cristina, Lúa, Mariana, Cris e Alejandra son NORTE Difusión Cultural, a nova revista sobre arte. A semana pasada tivo lugar a presentación aquí, en Aire Centro de Arte, pero non foi suficiente e quedamos con ganas de saber máis sobre esta orixinal e xenial idea. Así que reunímonos no centro loxístico: O París, que sinalaron que “é a nosa sala de reunións”. Entre risas, café e son de chuvia pasamos unhas fantásticas e rápidas (tres) horas.

E continuaríamos e seguiríanos parecendo corto o tempo, porque falando de arte e de crítica de arte, cando se poñen os límites? É máis: existen os límites? “NORTE non ten límites, e iso é que máis nos interesa remarcar nestes momentos: que non estamos pechadas a nada, e así debería ser en realidade na cultura, na arte. A arte debe permanecer aberta”, afirman as cinco. E non se conforman con Compostela, senón que o seu obxectivo transcende máis aló incluso do nivel autonómico e nacional: “gustaríanos contar con colaboradorxs espontáneos que nos mandasen información, fotos, etc. de alí onde estean”. Sen dúbida unha idea innovadora e alternativa neste sector, posto que na actualidade non existe un colectivo que recolla nas súas publicacións as novidades artísticas dentro do panorama galego, e tamén doutros lugares. De onde xurdiu esta proposta? A cal das cinco se lle ocorreu esta loucura?

Obras de Le Petit Patito

Obras de Le Petit Patito

“Cristina!”. Se ben o bosquexo nace da cabeza dunha delas, pronto convértese nun proxecto no que as cinco se ven implicadas, persoal e profesionalmente. As cinco veñen de Historia da Arte, catro delas acabaron a carreira este mesmo ano, e foi no verán cando xurdiu a idea e pronto todas se volcaron inesperada e activamente para que o soño non quedara soamente niso. “A verdade é que foi todo moi rápido. Noutros casos son moitos anos os que hai tras a posta en marcha dunha iniciativa, se é que se leva a cabo, porque moitos proxectos vanse pospoñendo pouco a pouco, por non crerse capacitados, etc. e ao final a formulación queda en nada. Somos conscientes de que teremos erros, acabamos de comezar, pero non queríamos deixar pasar o tempo. Iremos aprendendo polo camiño, coma todo na vida. Xa acabamos a carreira e queremos converter isto nun verdadeiro proxecto profesional”.

Son conscientes do seu privilexio ao poder traballar xuntas nun mundo que lles apaixona: a arte. Sen dúbida, unha gran oportunidade que lles ofrece viaxar, coñecer xente, aprender, sentir, enriquecerse… en definitiva, medrar a través de todas estas experiencias. Con todo, a pesar desta fermosa perspectiva, non hai rosas sen espiñas, e supón unha ardua loita converter cada busca nun descubrimento, cada paso nunha motivación. A arte resulta unha arma de dobre fío, “cando che preguntan e lles dis que estudas historia da arte todo o mundo di «que sorte, é unha carreira preciosa, interesante, seguro que o pasas xenial…´´ Pero non saben a outra cara da moeda. Falta moita motivación, e non son tan culpables os alumnos como estamos acostumados a crer. Salvo casos puntuais (dos cales nos sentimos inmensamente agradecidas) falta moita motivación por parte da propia universidade, dos profesores. É moi duro emprender sen ter un apoio e unha seguridade reais a longo prazo. Pero iso non é o peor. O difícil é manterse unha vez que conseguiches comezar, e sobre todo no ámbito da crítica artística”. A beleza é cruel…

Público axistente á presentación de NORTE Cultural

Público axistente á presentación de NORTE Cultural

Pero é precisamente por iso que sinten a necesidade de cambiar esta situación. E, ao contrario do que moitos pensarán, non son para nada pequenas as súas achegas. Non cando xa entran pisando forte rompendo con todo tipo de barreiras, afirmando que “toda arte é válida, toda acción artística e cultural. Que diferenza hai entre unha exhibición pictórica e unha competición de deportes extremos, por exemplo? De aí o noso interese pola recente edición do Pulpo Extreme, en Ourense. É un evento cultural importante para a cidade e os seus habitantes”. Este caso en concreto tampouco deixa de ser artístico, pensemos nas piruetas que fan as bicicletas no aire, ou dos skaters… Pensemos agora na estética do parkour, no contacto do corpo co medio a través dos saltos e o equilibrio. Que os diferenza dos bailaríns clásicos? Quen ditou as normas?

NORTE volve novamente rachar con este encorsetamento. “Segue a pesar moito a influencia da perspectiva decimonónica na Universidade. Seguimos estudando e considerando a arte dende un punto de vista clásico, e así tamén o segue a ver a xente, o público, e por iso outro dos nosos propósitos é achegar a arte, todo tipo de arte, a todo o público, que deixen de ver a arte como “algo” inalcanzable para eles. Inalcanzable porque non o entenden. Esa é a frase de sempre, «é que eu non entendo disto´´ ou a mítica «iso faino un neno de catro anos´´. É triste, porque é unha consecuencia de que a estas alturas aínda non se entendeu a arte contemporánea, nin a arte en xeral. Porque en realidade non é necesario comprender a arte para gozala”, explican. Certamente, non temos que ser expertos para vivir a indescritible experiencia de rir ou chorar fronte a unha película, ou escoitando unha canción, ou de contemplar por fin cara a cara aquel cadro do que nos namoramos cando eramos mozos… Se iso pode suceder cunha paisaxe por que non cun cadrado negro? Ou cunha instalación de neón? Quen é quen de xulgar o que unha persoa debe sentir e con que obra? A arte é inesperadamente evocadora, e iso faina sorprendente: a sorpresa de sentir co que menos tiñamos pensado. Pode que, ao fin e ao cabo, atopemos certa definición dentro da distorsión do sempre polémico concepto Arte.

“Moita culpa deste panorama vén do feito de empregar a arte como arma política. É igual que co da carreira. É moi bonito presumir da nosa cultura, dos nosos artistas… pero quen os apoia? A arte emprégase como fachada e, simulando que se quere poñer ao alcance de todo o mundo, en realidade o que se está a facer e de maneira sutil é manter o discurso elitista, como símbolo dunha posición. Ocorre nos eventos. Resulta endogámico. Á xente normalmente asústalle ir ás inauguracións ou exposicións, e para ben ou para mal están os de sempre e a miúdo o que menos importa é a obra do artista ou o propio artista, senón ese “deixarse ver” e o conseguinte posicionamento social”. Falan sen pelos na lingua, esteamos de acordo ou non con que din, e niso radica o seu valor. Así como non se limitan artisticamente, tampouco no que se agocha entre bastidores. A arte funciona como un iceberg: vemos a punta, pero como de grande é o proceso que hai por baixo? “É importante que o público coñeza o traballo que conleva a montaxe dunha expo, toda a xente implicada, o tempo que se tarda, a cuestión económica, os secretos…”.

Son escritoras, pero tamén consumidoras, e polo tanto saben o que lle interesa á xente. E como críticas confesan que “tamén estamos dispostas a aceptar as críticas, por suposto. Estamos comezando. Por un lado danos vantaxe, porque aínda non somos moi coñecidas e se nos permite equivocarnos, estamos encamiñándonos pouco a pouco e por iso non temos medo de escribir, nin o que queremos nin como queremos. Pretendemos, como dicimos, afastarnos desa encorsetada maneira académica de escribir, tanto en forma como en contido, e liberarnos e liberar ao público desa forma de ver a arte, pero por outra banda, queremos medrar e chegar a moita máis xente, e entón será cando certas cuestións si resultarán realmente polémicas”. Para entón, o seu soño sería poder pasar ao papel, “agora facemos retransmisións en directo, publicamos na páxina web, subimos fotos e comentarios das expos, etc. As redes sociais son fundamentais. Noutra época non tivese sido tan “fácil”. Pero sen dúbida sería fantástico ter a oportunidade de trasladar o máis destacable a unha revista física, trimestral. Claro que… agora non podemos permitirnos ese luxo”.

E de novo volvemos ao lado oscuro do fío. A arte é cruel, e facer o que un quere, de maneira independiente e alternativa conleva moitos sacrificios, principalmente económicos, “hoxe por hoxe mantemos isto por nós mesmas, pero é duro. O que facemos implica estar movéndose continuamente, e é xenial, pero o transporte é caro. Temos falta de máis medios técnicos (cámaras, micros, etc.)”, recoñecen; pero como todo bo cineasta, que comeza de cero: con pouco material pero con moita paixón. Unha dedicación que as leva a estar enteradas de todo, en calquera parte, buscando nas “redes sociais. Estamos todo o día revisando facebook, as páxinas dos concellos, dos museos, etc. E iso leva moito moito tempo e enerxía. Nós temos que organizar a revista coas nosas obrigas, porque a pesar de ter acabado a carreira, seguimos estudando e traballando para sacar adiante NORTE”.

NORTE xa é unha familia, e son cinco as que o fan posible. NORTE é unha oportunidade tanto para elas como para nós, que nos ofrece neste vello mundo un novo punto de vista no horizonte.

 

TEXTO: María Carballo

FOTOS: Cris R. Lesmes

 

 

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *