Contamos para esta dobre exposición con artistas emerxentes, como son Irene Fernández Hevia, Catalina Rodríguez e Sabela Alonso. Son elas as que nos darán a transición, a través da escaleira, entre as obras das artistas consolidadas, pertencentes a Ollal sen botón, e as das alumnas de Aire, pertencentes a Botón sen ollal. As artistas alumnas de Aire, en concreto do grupo de Idea e concepto do proceso artístico, que terán a súa obra exposta no segundo piso do centro, son Carmen Rosón, Carmen López, Helena Santidrián, Iria Gómez e María Longarela.
Catalina realizou para esta exposición dous debuxos de mulleres de técnica mixta, intervidos con fío, que poñen en cuestión a mirada sobre o corpo. Ademais, realizará outros tres debuxos de espidos. O tema que recolle é o do voyeur, o goce ante a visión da intimidade allea, que nos mostra a través deste cadro que se nos presentaría como unha “xanela indiscreta”.
Sabela tráenos un tríptico no que realiza unha montaxe con diversas fotos cunha mesma tonalidade: branco e negro, e cun mesmo tema: o aseo da muller. Con estas imaxes recolle os diferentes momentos do aseo diario feminino, unha rutina repetitiva e alienante.
Irene achega unha obra na que nos mostra as partes esenciais do rostro: ollo, orella e boca, superpostas, facendo referencia ao non ver, non escoitar e non dicir. Unhas partes que, dende o punto de vista do espectador, atópanse no fondo dunha especie de volcán, conformado por máis dunha vintena de follas de papel superpostas e cortadas en relevo. Este “volcán” enmarca os debuxos finais das partes da cara antes mencionadas, en acuarela sobre papel, e parece engulirnos cara ao interior da súa obra. Esta obra finaliza o percorrido e dá paso ao seguinte tramo expositivo.
Helena, de 16 anos, empezando xa a explicar a obra das artistas alumnas de Aire, realiza para Botón sen ollal, un vídeo performativo, tamén con documentación fotográfica, realizado no Sarela, representando ao famoso personaxe de William Shakespeare: “Ophelia”.
Carmen López, de 14 anos, móstranos un cadro de 1×1,35 m. feito con tinta. Podemos apreciar na obra un pequeno buraco central do que parten toda unha serie de cabelos que crean un debuxo impáctante á vista, que representa a voluptuosidade e suntuosidade do cabelo feminino que enterra coas súas hebras o papel, coma se fose unha masa famenta.
Carmen Rosón, de 22 anos, realiza un díptico coas imaxes dos corpos do home e a muller, vistos dende o antigo punto de vista da medicina, o seu campo de estudo. O interior destes corpos non se nos mostra a non ser que despreguemos as tapas que a cobren. Confronta a imaxe do home cheo e a muller baleira, ironizando sobre o desprezo da ciencia polo estudo da anatomía feminina.
María preséntanos un obxecto, unha caixa de cartón, que ten nunha das súas caras un espello cun signo de interrogación resgado, a través do cal podemos ver o fondo do interior da caixa, no que nos encontramos o debuxo hiperfeminizado dunha muller. Trata de cuestionar o concepto de beleza impondo a realidade a través do espello.
Iria realiza un cadro cun debuxo hiperrealista a grafito da famosa venus mutilada, á que lle arrincaron as ás, a Vitoria alada de Samotracia. Usa a famosa técnica do collage para as ás, que están pegadas no debuxo, do mesmo xeito que uns cables de ton vermello a modo de veas, que a conectarían co seu corpo, representado no debuxo. Mostra con isto o estado mutilado da liberdade da muller.