Mañá baixaremos a Tui. Alí, Neves Seara desenvolverá a súa performanceAmantes de Sal. Será unha homenaxe a todas as vítimas da violencia de xénero: as asasinadas, as feridas, as que calan, as que deciden erguer a voz… Cuberta cun vestido branco de plástico, como se dunha noiva se tratase, percorrerá a praza da Catedral. Nela deixará un rastro de sal, como as bágoas, como dores que marcan o rego de sufrimento.
A peza de Seara representarase ás 12h na Praza da Catedral de Tui.
A performance encádrase dentro da xornada ViolenciaZero, de Mulleres en Acción. Como explican na súa web ““MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO” é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país, en particular, e por extensión, no mundo. É unha proposta multisede de sensibilización, para fomentar na cidadanía unha actitude crítica. Ademais, trátase de un proxecto que promove a visibilidade das artistas novas galegas, fomenta o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, da experiencia e da creación colectiva, e incentivando a integración de homes e mulleres na loita contra unha realidade que nos afecta a todos e a todas.”
Por mor do 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero, ao longo da provincia de Pontevedra desenvolveranse unha serie de accións que farán reflexionar sobre a situación da muller e de como actuar e implicar ao resto da sociedade. Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Lalín, Moaña, Redondela, Pontevedra, Tomiño, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo, convértense en escenarios nos que as mulleres erguen a voz, en silencio, mais coa contundencia, co impacto da acción.