Segundo pasan os anos o noso ser vai mudando, ben por cada prego da vida, ben polas engurras que se forman con cada cariño e tamén con cada golpe. Como se fósemos unha folla, dende a primeira pinga de tinta ao último trazo fan que nunca poidamos volver ser como antes. O papel como parte de ser de cada creador, como material base, como inicio e desenlace dunha obra, é o protagonista do noveno número de Aire Fanzine de Arte 8.
A portada de Surcos é un detalle dunha das obras de Iago Seara, que pertence á exposición Entre o papel e o baleiro, que abre o ano lectivo en Aire centro de Arte. A imaxe esténdese ata a contraportada nunha estrutura de sombras, capas e relevos das pezas xeométricas coas que traballa.
Entre as páxinas deste número atoparedes a axenda coas actividades que haberá en Caldeirería 50 ao longo do primeiro trimestre. As horas poden sufrir algunha variación, pero manterémosvos informados para que non vos perdades ningunha: monicreques, origami, cómic… para todos os públicos.
O fanzine, ademais, ten distintos surcos, que se corresponden a cada unha das exposicións que encherán as paredes de arte. A primeira é de Luís Caruncho, na Galería Metro. A selección da súa obra gráfica en papel fai un percorrido polos sesenta anos como artista. Veremos os xogos das formas e das cores deste construtivista abstracto. Os xogos lévannos ao segundo andar. En Aire contaremos, nas mesmas datas, cos coidados traballos de Iago Seara. En cada unha das súas pezas, que afonda nas capas dos cartóns, descubriremos distintas caras deste arquitecto compostelán. Ambas estarán nas nosas paredes ata o 17 de novembro. As follas do fanzine seguen marcando o paso do tempo. Así pois, Ana Seoane pecha o ano coa súa exposición Como gustéis. Tanto nos seus cadros como na súa instalación, transformará ás persoas en actores nun espazo baleiro que enche o público.
Hai que ter en conta que este número abre o curso. Por iso, en cor, como unha chamada de atención, descríbese que actividades se poden atopar no espazo de creación de arte contemporánea Caldeirería 50, facendo á súa vez, a distinción dos entes que o conforman: a Galería METRO e o propio Aire centro de Arte.
A partires deste volume, cada un recollerá un texto no que se reflexione sobre algún feito legal que lle afecta á maioría da xente en distintas ocasións. Pensamentos que combinan un punto de vista xurídico e social, para que sexa doado de comprender e cadaquén poida resolver esas situacións que tantas dores de cabeza dan. Nesta ocasión Visi López falaranos sobre as prácticas das axencias de cobros.
O editorial do número 8 é un canto ao papel e a todas as súas posibilidades, a como se conforma como unha parte indispensable nos procesos de creación, desde os esquemas ou bosquexos ao resultado final. O manexo do papel é toda unha arte en si mesmo, todo un universo de posibilidades para que descubran as mans de cada persoa.
Pechan o camiño o relato “Las cicatrices de un pájaro de papel” e unha actividade chea de versos. O primeiro mergúllanos nas dobreces das que estamos conformados e que sempre deixan a súa pegada, facendo imposible a volta atrás. O pasatempos segue as pisadas dun raposo pola neve. Poesía en inglés, desbaratada, para que quen se achegue ao fanzine debuxe os seus propios pasos nun caligrama, porque, cantas formas hai de contar as emocións, a realidade…?