Error Vacui, exposició que enche baleiros

presentacion-350x245

“Man a Man”, Yolanda Ataraxia e Catalina Rodríguez (acuarela e tinta)

Ás veces, sen saber moi ben como, prodúcense conexións que nos transcenden. Iso foi o que lles sucedeu a Catalina Rodríguez e Yolanda Ataraxia. Compañeiras do taller de “Idea, concepto e proceso da creación” acabaron por transformarse en compañeiras de exposición.

De esa unión nace “Error Vacui”, título inspirado na expresión horror vacui, medo ao baleiro. Baleiro que se une cos erros. Emocións potentes que a todos nos afectaron nalgún momento.

Mais non nos deteñamos nos medos e subamos a escaleira do centro con serenidade. Abre a exposición as pezas Man a Man, obra conxunta realizada en acuarela e tinta china na que quixeron reflectir eses nós creadores que se formaron entre elas. A introdución perfecta para a súa obra.

“Sed Agua”, performance interpretada por Yolanda Ataraxia

“Sed Agua”, performance interpretada por Yolanda Ataraxia

Colga dun fío invisible un vaso que representa Sed Agua, a performance interpretada por Yolanda que, nas súas palabras, “presenta a curva, o camiño, a consciencia (…) Quizais sexa o son do sacrificio e da sede profunda que provoca as grandes inspiracións”.

Marcada a senda, seguimos a andaina. Uns chanzos máis arriba descóbrense os sombreiros feitos de grafito e tinta de Catalina, inspirados nunha secuencia de Persona de Ingmar Bergman, que xogan coa ollada do espectador para encher o non-debuxado. Seguimos subindo e cada paso é acompañado por follas engurradas, rexeitadas como moitos traballos que se consideran erróneos ata chegar á folla en branco. Nese descanso,Eu Kahlo, ti Kahlas, ela Kahla, obsérvanos Frida a través da ollada que lle deu Yolanda.

“More than this II (You Know there is nothing)”, Catalina Rodríguez (tinta, acuarela e lapis sobre papel guarro)

“More than this II (You Know there is nothing)”, Catalina Rodríguez (tinta, acuarela e lapis sobre papel guarro)

Entramos na sala de verán. Cálida, de cores alegres. Á man esquerda resoan os Ecos de acuarela e lapis nos que Yolanda envolve o estado de preñez. Diante os Erros Vacui de Catalina reflicten esa explosión calorosa de vermellos, laranxas, amarelos… que destacan como os campos cheos de flores que nos agardan nos meses máis soleados. E é entón cando a sala ule a sal e a mar, e as siluetas femininas de Catalina, feitas de acuarela, tinta e lapis, que deixan á imaxinación parte de si, cheas de ausencias a un tempo que completas, lévannos á praia e a esa sensación de liberdade que provoca.

“H30 Grande”, Yolanda Ataraxia, (tinta china sobre papel de acuarela)

E case sen querer viaxamos á sala de inverno. Alí envólvenos o branco, a luz que se reflicte da neve con esa sensación de frialdade contida. Branco como as néboas que cobren tantos días. Envólvenos entón o H3O de Yolanda, inúndanos o baleiro que fai que resalten as nosas siluetas dándolle ser ao non ser. Volvemos a nacer a través dunha Femme Fetal na que Ataraxia crea esa sensación de desasosego morno que hai tras cada nacemento, tras cada creación. Do baleiro no que se xera unha nova vida ao baleiro que deixa a morte… Esa liña infinita dun corazón que deixa de latexar. E plantándolle cara, a nada que se enche e baleira de Catalina.
Toda unha exposición para deixarse engulir polo baleiro, inda que… déixovos cunha pregunta: existe realmente?

Libro de Artista, Yolanda Ataraxia e Catalina Rodríguez (fotografía, tinta china e acuarela)

Libro de Artista, Yolanda Ataraxia e Catalina Rodríguez (fotografía, tinta china e acuarela)

Abríamos a visita co traballo conxunto. Pecharémola pois co Libro de Artista elaborado por ambas creadoras. Cada unha aportou cinco fotografías onde se ve a ollada de cada unha e entre as dúas crearon unha tarxeta de acuarela e tinta china feito con agarimo e coidado, abríndonos ás páxinas dunha percepción única do seu entorno e do seu ser.

“Error Vacui”, Catalina Rodríguez e Yolanda Ataraxia, (comisaria, Neves Seara) do 4 ao 27 de xuño de 2015.

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *