Esta semana, a nosa colaboradora, Visi López del Riego, avogada especializada en temas de cultura, dedica un Briconsello legal xeral adicado ás persoas que inclúen os símbolos de reserva de dereitos nas súas referencias a obras ou producións protexidas.
É habitual observar ao pé dunha obra artística un símbolo que, inmediatamente, nos leva á noción de que está protexida polos dereitos de autor: o recoñecido E NON SEMPRE BEN UTILIZADO indicador do copyright ©.
Este símbolo, herdado directamente da normativa de EEUU, data de comezos do século pasado. En orixe, creouse como un requisito obrigatorio para conseguir a protección completa dos dereitos de autor para obras e producións.
Pero… ¿Coñecemos realmente o seu significado, alcance, obrigatoriedade e a utilidade na nosa lexislación española actual? ¿Usámolo correctamente?
Hai que considerar tres cuestións doadas á hora de incluír este símbolo de reserva de dereitos de propiedade intelectual:
1.- Só as persoas titulares ou cesionarias en exclusiva dos dereitos de explotación sobre unha obra ou produción están lexitimadas para dispor do mesmo.
2.- De xeito contrario ás crenzas populares e virtuais, o símbolo © débese antepoñer ao nome dos reseñados no punto anterior e completarase co lugar e ano de divulgación da obra.
3.- Lembrade que a autoría dunha obra está protexida desde o momento do seu nacemento, polo que a inclusión tan frecuente do © estaría orientada principalmente a servir como proba para impedir vulneracións ou prexuízos de terceiras persoas baseadas en supostos descoñecementos sobre quen ostenta a titularidade da obra ou produción artística e, en segundo lugar, a obter protección de autoría en países que continúan mantendo este formalismo como obrigatorio.
FINALMENTE E A MODO DE PEQUENA REFLEXIÓN: O USO DO SÍMBOLO NON ACREDITA POR SI MESMO A VERACIDADE DOS DEREITOS DE AUTOR ATRIBUÍDOS, ASÍ QUE NUNCA SOBRA VERIFICAR, DENTRO DAS NOSAS POSIBILIDADES, A TITULARIDADE REAL DA OBRA.
Con simbolismos difíciles LEMBRA, vén a Aire e consulta as túas dúbidas con:
Visi López del Riego
Aire centro de Arte
Caldeirería 50, 2º
981 589 059
TEXTO: Visi López del Riego