No soundpainting non existen os erros

Texto: Alba Lojo

O soundpainter Ricardo Gassent
Foto: Nacho Mascuñán

Con esta rotunda afirmación daba comezo o sábado, 21 de xaneiro, o taller intensivo de soundpainting impartido por Ricardo Gassent no Auditorio de Galicia.

Durante a xornada, o vínculo existente entre a capital galega e o soundpainting tomou novos impulsos. Poñéndonos en antecedentes, Santiago de Compostela foi o primeiro lugar en coñecer esta linguaxe nos anos noventa trala visita de Walter Thompson, creador do soundpainting. Desde aquí foi exportada a numerosos lugares, polo que non resulta allea a predisposición e entusiasmo dos artistas galegos por esta disciplina. Así se demostrou durante o obradoiro, posto que desde o primeiro momento foi palpable a conexión entre os participantes e o soundpainter Ricardo Gassent.

A xornada deu comezo cunha breve presentación dos participantes, coa intención de agrupalos segundo as súas modalidades artísticas principais: os músicos á esquerda do soundpainter, seguidos polos cantantes, actores e os artistas visuais cerrando o semicírculo que atendía a maxistral clase de Gassent. Como a meirande parte dos asistentes eran artistas multidisciplinais foi posible probar o soundpainting desde diferentes perspectivas.

Signo TODOS
Foto: Nacho Mascuñán.

A clave do soundpainting reside na comprensión dos signos que conforman a linguaxe coa intención de integrar aos artistas, músicos, cantantes, actores… nun só conxunto. O encargado de guialos a través dos signos é o soundpainter. Xa que logo, é necesaria a comunicación xestual recíproca entre os artistas e o compositor. Dada a amplitude e complexidade dos máis de 1200 xestos que integran esta linguaxe, semellaba case imposible que un taller intensivo tivese uns resultados tan rápidos, que se acadaron sen problema.

Ao longo da mañá, Ricardo Gassent foi presentando os signos básicos necesarios para a composición multidisciplinar. O soundpainting ten recollida a súa propia sintaxe baixo o parámetro “quen, que, como e cando”. A importancia recae en observar as directrices que marca o soundpainter e ser quen de interpretalas por un mesmo. Tal como explicaba Gassent “non se trata de copiar o movemento do resto do equipo, se non de observar e responder en consecuencia. Non existen os erros, polo que non pasa absolutamente nada se un artista non responde nun determinado momento. É improvisación, é soundpainting”.

Guiando a actores.
Foto: Nacho Mascuñán.

A integración dos participantes co compositor axiña empezou a dar resultados. Logo dun curto período de aprendizaxe para a comprensión dalgúns xestos, Gassent deu renda solta á disciplina empezando a crear pequenas composicións que tomaban forma nos participantes. Así, destacou por un lado a capacidade adaptativa dos participantes xunto coa experiencia de Gassent, quen coñeceu o soundpainting da man do propio Walter Thompson.

A sala de exposicións do Auditorio de Galicia parecía integrarse dentro da propia linguaxe, favorecendo a interacción entre os diferentes artistas e conectándose coa mostra alí exposta.

Tras un breve descanso para repoñer forzas, o grupo mergullouse no traballo de Gassent a través dunha breve presentación na que o soundpainter fixo un repaso pola historia da disciplina, así coma a repercusión do soundpainting en España, mencionando o caso do soundpainter Óscar Vidal, o soundpainter máis antigo de España, ou a recentemente desaparecida Orquestra de Soundpainting de Barcelona. Durante a proxección, Gassent incidiu na frase coa que comezabamos esta crónica, exemplificada co Esemble BIT20, da que forman parte compoñentes da Orquestra Filarmónica de Bergen: “neste caso, a parte máis complexa residiu en facer entender que no soundpainting nada está fora de lugar, non existen os erros. O cal resulta complicado de asimilar cando se trata de músicos acostumados a seguir as sinais do compositor. Introducir a improvisación resulta unha ardua tarefa nalgúns ámbitos”, sinalaba Gassent.

Seguindo esta liña, Gassent explicou que non é necesario ser compositor para desempeñar o papel de soundpainter, se non que hai numerosos casos de compositores procedentes de outras disciplinas, como Andrea Ariel, bailarina estadounidense que leva anos traballando como soundpainter.

Ademais, o soundpainting é unha linguaxe que se pode adaptar a numerosos escenarios, como fai Óscar Vidal que non ten un grupo e malia iso utiliza a técnica cos seus alumnos de secundaria, xa que é profesor de instituto en Valencia.

Deste xeito, Gassent buscaba que os participantes se introducisen no soundpainting non só a nivel técnico coma disciplina artística, se non coma unha ferramenta que sirve para integrar a persoas dentro dun mesmo conxunto.

Traballo en grupo
Foto: Nacho Mascuñán

Ao longo da tarde, o grupo desenvolveu diferentes estilos da linguaxe, coma o puntillismo ou o minimalismo, e tiveron cabida outro tipo de xestos, como as performances individuais ou a pintura.

Antes de dar por finalizada a xornada, Gassent animou aos participantes a un intercambio de roles, tomando o posto de soundpainter. Os que decidiron intentalo, demostraron que o taller intensivo impartido por Ricardo Gassent tivo amplos resultados, tanto na composición da escena como na interpretación da linguaxe.

A modo de despedida, Ricardo Gassent animou aos participantes a continuar a formación nesta disciplina a través do material existente en Internet. En canto aos participantes, grazas á boa sintonía do grupo xunto co positivo desenvolvemento do taller, mostráronse máis que satisfeitos coa súa participación.

“O obxectivo está cumprido, posto que o máis relevante é o feito de dar a coñecer o soundpainting”, foi a conclusión de Ricardo Gassent tras o taller.

Despois da gran acollida desta xornada intensiva de soundpainting, a colaboración entre Soundpaintingmadrid e Aire centro de Arte continuará a argallar máis cousiñas sobre soundpainting. Damos por inaugurados os Seminarios de Soundpainting en Galicia. Estade atentxs!

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *