Quen de pequeno nunca xogou a pegar nun papel pedaziños de calquer cousa que atopaba pola casa? Buscar, atopar, imaxinar, cortar, pegar… construir, en definitiva, a través de materiais sinxelos e cotidianos.
O pasado 16 de Abril, Aire Centro de Arte converteuse nese espazo que de cativos soñaríamos para facer todas estas cousas. Da man de Rocío Osorio e Espe Porto, os máis pequenos achegáronse ás técnicas do collage construíndo as súas pequenas obras feitas con anacos soltos procedentes de distintos lugares.
O obradoiro estaba inspirado na exposición «Unha pintura que non quere dicir nada. Unha pintura que é», da artista Rocío Osorio. Nun primeiro momento, os cativos imaxinaron unha paisaxe e, a través de todos eses pedazos soltos procedentes dos lugares máis dispares, construiron a súa propia imaxe do que sería a súa paisaxe ideal. Xogando cos materiais, as formas, as cores… os resultados foron do máis orixinal e creativo.
Na segunda parte do obradoiro, os cativos achegáronse á obra de Rocío Osorio, exposta en Aire Centro Arte dende o 1 de Abril. A través das figuras expostas as nenas e os nenos deberían pasar ó papel a imaxe tridimensional, insistindo no xogo da composición e da cor, sen deixar de abandonar a técnica do collage. Desta segunda parte saíron as obras máis orixinais do taller; reinterpretacións en versión cativa da obra de Rocío Osorio.
Ao finalizar, os nosos artistas puideron ver todas as súas obras, que da mesma maneira que os anacos dos materiais que usaron, xuntas acababan encaixando entre elas.
Texto: Sara Lodeiro.