Texto: María R. Carballo
Imaxes: Nacho Mascuñán
É moi especial que fora Irene Efehevia quen abrira este 2017-2018. O pasado venres 29 de setembro, ademais de inaugurar exposición, Aire Centro de Arte iniciaba as súas clases, clases nas que, durante dous anos aproximadamente, Irene medrou tanto coma nós con ela. Así pois, péchase un ciclo ao comezar o seu camiño como a valente artista na que se converteu.
A súa obra, “Limerencia entre as liñas”, dá fe deste valor. As pezas, feitas a partir dunha soa liña, lévannos á atracción entre estes trazos como unha metáfora da atracción entre as persoas. O seu traballo está caracterizado pola abstracción e o minimalismo, así como pola complexidade de construír todo un relato a través dun trazo. Irene é sutil, delicada, tan fráxil coma forte, como o cristal que protexe os máis de vinte rostros que percorren a galería. Un espello no que tamén contemplamos o noso propio rostro e damos resposta ao silencio dos beizos, das caricias, dos bicos… Nunha ollada, mil miradas, e sen máis que iso, dialogamos coa artista e con nós mesmxs. É inevitable.
Escudriñamos ata chegar ao máis profundo e segredo do noso sentimento. Sentimos, lembramos, pensamos… Ás veces facemos cousas, ás veces non as facemos… Ás veces calamos e outras falamos de máis… Cantas veces teremos confiado demasiado e cantas demasiado pouco? Cantas veces nos fixeron chorar? Cantas veces temos sentido que acabamos no mesmo lugar no que comezamos? No que vivimos algo que comezou tan rápido como acabou? E o tempo non significa nada: é a intensidade coa que sentimos a realidade a que fai que esta nos pareza tan eterna como efémera, tan pacífica como terrorífica… Existe alguén que non vivira un amor así? Existe alguén que non habitara no lugar onde os límites da dor desaparecen na luminosa escuridade do corazón? Porque todo amor é obsesivo e toda vida limerencia, bosquexada no único trazo que percorren os nosos pasos, as nosas palabras, os nosos bicos… Esquecendo a propia vida pola vida da outra persoa. A autodestrución e, polo tanto, a mutuadestrución. E, con todo, en lugar de mirar ao sol, preferimos habitar nel, ardendo, porque a esperanza é a esencia da obsesión, e non hai nada máis perigoso que amar con obsesión e ser obsesivamente amados.
Pode ser fermoso na arte: Romeo e Xulieta, Duelo ao sol… Pero non son máis que unha catarse, un espello da vida: Alma e Gustav Mahler, Frida Kahlo e Diego Rivera… Nós mesmxs. Pode ser fermoso na alma? Na profundidade da que escribira Oscar Wilde ao abrigo das frías pedras dunha cela. Só quen teña a alma tan fría coma un corazón de pedra pode escapar da limerencia. O resto só podemos deconstruíla e, coma o fénix, medrar entre as cinzas. Quen mellor nos pode falar disto é a propia artista. A pesares do pouco tempo do que dispoñiamos, Irene agasallounos cun anaquiño do seu a través destas palabras:
Con que palabra resumirías o teu estado emocional/vital actual?
Reatoparme. Nestes momentos estou nun punto no que goza máis que nunca de min mesma. Ao final creo que o máis importante é reencontrarse coa nosa esencia, é dicir, o proxecto das limerencias realiceino nun momento da miña vida en concreto, no que estaba a sentir esa emoción. Mais, agora, despois de pasar por un inicio de ano moi complexo a nivel persoal, considero que o máis importante é atoparse coa limerencia de amor propio e chegar a ela, sentila nun concepto amplo para así poder tamén crecer e aumentar o noso autocoñecemento, que ao final é o inicio da xestión emocional. Os proxectos artísticos pasan por momentos diferentes, mesmo creo que é agora cando a achega a el é plena.
Que persoas (familia, amigos, artistas…) che inspiraron e che inspiran? Por que?
En realidade teño varios referentes a nivel artístico: Kahlo, Magritte, Kandinsky…
E ademais, a nivel inspiración, creo que emprego moito a “observación con lupa”, que lle chamo eu, o ollar no día a día, que este recaia en cousas cotiás, mais que se non o observamos non poderiamos coñecer en realidade e ofrece moito material para reflectilo de maneira artística.
Un soño
Chegar a unificar a educación social (a miña profesión) coa arte. Creo que esta última é unha gran ferramenta que pode posibilitar cambio, mais sobre todo empoderar ás persoas e sensibilizar socialmente.
Unha promesa
Non esquecerme nunca de vivir todo con paixón e sensibilidade. Creo que só desa maneira podemos gozar do que nos rodea.