O pasado martes 26 Aire centro de Arte despedía o mes de febreiro cunha intensa performance da man de Diego Negro e Neves Seara, Cinzas: Non todo é branco ou negro.
Unha cadeira en branco e negro, dous corpos grises. Unha loita constante que sucede no exterior e no interior, como unha mostra do ser nunha sociedade cada vez máis polarizada onde parece imposible acadar a paz. A guerra que, por fin, pode acabar en equilibrio, en reconciliación co espírito e co mundo que o rodea.
Diego e Neves levan a cabo este experimento social que pretende ser parte dun estudio máis grande onde se exploren todas estas cuestións. A través do traballo co corpo simulan unha forte pelexa arredor da cadeira, arrastrándoa, tirando dela, voándoa polos aires. Empúrranse, caen e volven levantarse. O movemento é realmente asombroso e potente, deixando ao espectador conmocionado fronte toda esa violencia. As respiracións marcan o ritmo e os corazóns acompásanse.
Toda a tensión rompe coa caída da cadeira, como un rei do xadrez. A partida acaba, as partes reconcílianse. Chégase a un equilibrio que termina cun círculo, o perdón dos opostos, o continuo da vida. Todas as sombras que forman a luz e a oscuridade.
CRÓNICA DE MARÍA GIL MARTÍNEZ- fotos: Peter Brea + María Gil