ARDO SE ELA ARDE – MÚSICA, POESÍA E PERFORMANCE EN AIRE CENTRO DE ARTE

“Moita xente pequena en moitos sitios pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo”, Eduardo Galeano.

O próximo venres 22 de febreiro ás 21h, Aire centro de Arte presenta Ardo se ela arde, unha mostra de música, poesía e performance das mans dos músicos Zeltia Kúzlo Duše e Migui Carballido (IreVire), a poetisa Carmen Conde e a artista Neves Seara.

Ardo se ela arde é unha proposta de gran compromiso social. As artistas, xente sensible, creativa e loitadora, dende a súas expresións diferentes, crearán unha performance reivindicativa dende a creatividade e o amor polo noso e a nosa terra. Nela expresarán unha raiba contra a violencia desta sociedade contra as mulleres, a natureza e os grupos sociais en situación de exclusión.

Xuntos, creando, pretenden expresarse e facer rede para que un a un poidamos continuar o cambio e sosternos mutuamente.

Este é un berro, e tamén un cántico a esperanza e á forza colectiva.

Neves Seara  é licenciada en Belas Artes pola UEM (Madrid) coa especialización en Escenografía. Tamén especializouse en Museografía pola USC. Traballa como artista plástica e performer ao mesmo tempo que dirixe Aire centro de Arte en Santiago de Compostela. Levou a cabo actividades de didáctica cultural e artística en institucións diversas como o CGAC ou a Fundación Granell. Realizou diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, en galerías, espazos e feiras tanto nacionais como internacionais. Gañadora de premios relacionados coa creación artística, tamén fixo intervencións públicas  e performances, con 15 anos de traxectoria realizando accións.

Carmen Conde é licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC e diplomada en Dramaturxia pola ENERC (Bos Aires). Autora de relatos breves para nenos e adultos, humorista de comedia unipersonal, guionista e dramaturga, foi tamén organizadora do micro aberto e do laboratorio de creación Serpes na Cachola e imparte obradoiros relacionados coa narración. Foi Gañadora do Slam de Poesía Oral Zona Norte en Bos Aires en 2015 e da I Edición do Slam Poetry Compostela en 2018.

Zeltia Kúzlo Duše (“a maxia da ialma” en polaco”), é unha formación de Zeltia Acuña que nos fala de soños a través dunha melodía intensa de querer vivir. Zeltia é música con formación en Violín polo Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, así como de forma autodidacta en Canto e Guitarra; con 23 anos marcha a Galway, Irlanda, onde coñece a arte cultural da cidade e comeza a organizar micros abertos. Como compositora, na súa vida hai un tema claro: “a natureza como curación”. Xunto con Migui Carballido ao bohdran, crean IreVire, onde atopamos composicións sobre os temas do ser humano: amor, soidade, frustración, loita e fe.

Agardámosvos!

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *