Arte e idioma para crianzas

Un ano máis continuamos coas clases de arte e idiomas para crianzas entre 4 e 12 anos. A nosa intención é que as persoas que participen nestes obradoiros regulares desenvolvan a súa creatividade e capacidade comunicativa en diversas linguas, a través dunhas dinámicas e didácticas amenas nas que se profunde nos dous aspectos.
As didácticas abranguen desde diferentes correntes artísticas, a distintas técnicas (acuarela, collage, grafito, escultura…) pasando polo descubrimento de artistas actuais e do pasado, todo isto na lingua escollida (inglés, francés ou alemán). Buscamos que as crianzas ganen soltura á hora de comunicarse e confianza en si mesmas, tanto a nivel oral como artístico, a un tempo que se fomenta o traballo individual e en equipo.
Inglés: 16:30 – 18:00 (luns)// 17:00 – 18:30 (xoves)
Francés: 17:00 – 18:30 (mércores)
Alemán: 16:00 – 17:30 (mércores)

Ademais abrimos a posibilidade de impartir clases de italiano e portugués (solicitar información).

O prezo do curso é de 45€/mes, cunha matrícula de 20€. As persoas que asistan só precisan unha carpeta DINA3, un mandilón ou roupa vella que poder manchar e, sobre todo, ganas de aprender, falar, escoitar e pasar unha boa tarde.

Para este curso contaremos coa presenza da Escola de Idiomas Lorca Institute que nos proporcionará o grupo docente.  A Escola de Idiomas Lorca Institute defínese así: «O noso compromiso é proporcionar unha ensinanza de calidade nun entorno profesional e distendido. Os nosos principios son a evolución persoal na aprendizaxe, a solidariedade e a tolerancia. O noso lema é aprender xogando cun método comunicativo». Ademais, Lorca Institute está homologada para o exame oficial destas linguas.
Preséntanos así a parte do profesorado que traballará con nós:

Nuria Suárez creceu en Suiza rodeada de distintas culturas e sempre tivo claro que se dedicaría ás linguas. Estudou Tradución e Interpretación de inglés e alemán na Universidade de Vigo mentres daba clases particulares no seu tempo libre. Para ela o ensino significa contaxiar a paixón por aprender.

Lucía Vila, profesora de francés, naceu en Francia.  Profundamente namorada do ensino de idiomas, decidiu especializarse tamén en tradución e interpretación.

Melissa Krecklow, nativa de EEUU, leva varios anos en Galicia, o que lle permite dominar o galego, o español e o inglés. Ademais ten experiencia impartindo clases a crianzas.

Así, a súa forma de entender a educación e a aprendizaxe parten da mesma que Aire centro de Arte polo que agardamos que a colaboración axude ás crianzas a desenvolverse e a crecer como persoas grazas á creatividade e á expresividade noutros idiomas.
Máis información e reserva de prazas en:
airecentrodearte@gmail.com // 981 589 509
Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *