Un ano máis, damos por finalizado un curso cheo de risos, aprendizaxe e amizade. Para celebralo, queremos compartir con vós o traballo realizado durante estes meses. Será unha festa exposición que terá lugar o 23 de xuño ás 19h en Aire centro de Arte.
Nesta exposición veredes obras de artistas que van desde os 4 anos aos 80. Forman parte dos grupos de Pequeartistas, Arte e Idioma (inglés e francés) e Idea, concepto e proceso da creación, que cada día nos sorprenden coas súas creacións. Estamos convencidas de que a vós tamén vos sorprenderedes. A sala de exposicións, a escaleira e o espazo #casamorada encheranse de creatividade e experiencias compartidas.
Ademais presentaremos o fanzine Mamá quero ser escritora (II), que recolle o traballo feito polas alumnas dos Almorzos Creativos e que reflexionará sobre quen somos e como estamos no mundo desde a nosa perspectiva como mulleres.
Queremos destacar o traballo transversal que se fai desde cada un dos grupos. Todos aprenderon as técnicas das artistas que pasaron polo centro: o collage e a inspiración musical de Maite Ortega, os retratos e as persoas a través de Melania Freire ou Reme Remedios, a intimidade xunto a Bibi Martín, a improvisación a partir do xesto de Belkiss Oliveira… só por nomear a algunhas, pero a lista é tan extensa como numerosas son as pezas e textos que se levan feito en dez meses.
Nós estamos orgullosas do noso alumnado, por iso agardamos que tanto toda a familia de Aire, como as persoas que aínda non nos coñecedes compartades este día con nós! Vémonos!