Comeza a conta atrás para rematar o curso. Acompáñanos nesta recta final a artista portuguesa Belkiss Oliveira, que trae ao espazo expositivo de Aire centro de Arte a súa exposición Blau Line. Será o 28 de abril ás 20h.
Blau Line é un camiño entre as texturas. Por unha banda, o azul cobra protagonismo convidándonos a mergullarnos en augas e ceos máis ou menos revoltos. A través dunha sensación de movemento, as pezas semellan cobrar vida transmitindo unha sensación de liberdade. Do azul, branco… imos pasando aos negros e vermellos entrando noutras pezas nas que os elementos de refugallo -moitas pezas están creadas sobre base de madeira- se combinan entre si acadando novas formas.
Belkiss Oliveira (Oporto 1964), expón en Portugal desde 2005 e en España desde 2009. Nas súas obras prima o xesto sobre o resultado estético (que no entanto consegue sen dificultade) xa que considera o acto creador como un ritual. Traballa a madeira, na que vai aplicando distintas capas de cor ou colorante.
A exposición estará ata o 15 de maio.