A primeira das conferencias, terá lugar o xoves 26 de maio ás 19:00h. Vén da man de Luca Chao, licenciada en Ciencias Políticas e doutoranda, e leva por título Mulleres e política: outra fenda de desigualdade. Nela falaranos dos espazos de participación política da muller, nos que persiste a desigualdade. Luca fálanos de “as dúas caras da diferenza”, reflectida na “participación de carácter máis orgánico e/ou asembleario” e na “participación institucional”. Tentará con isto “debuxar o panorama existencial e trazar os retos do futuro”.
A segunda conferencia celebrarase o sábado 28 de maio ás 17:00 h. Neste caso a conferenciante será Renata Otero, licenciada en Belas Artes con especialidade en Imaxe e doutora cunha tese sobre Akerman. A súa charla: Chantal Akerman: a voz dos sen voz, falaranos de “un aspecto crucial na obra cinematográfica, plástica e literaria akermaniana: a vontade de ser testemuño dos desaparecidos”. Para iso centrarase en Sud (1999), unha película que se visionará no medio da charla e que “xorde cando Akerman se decata do brutal linchamento de James Bird Jr. a cargo do KKK o 6 de xuño do 1998”.
O xoves 2 de xuño ás 19:00 h., haberá unha terceira conferencia, Arte e protesta social, que versará “sobre arte de protesta social realizado por artistas mulleres a partir dos anos 50, principalmente en Estados Unidos”. Neves Seara, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Madrid, e directora de Aire centro de arte, será a encargada de falarnos sobre este tema, dende a súa perspectiva de muller e artista. Unha conferencia máis ben histórica, que exporá, ademais, unha parte práctica, que pretenderá facernos entender como cambia a perspectiva segundo como se expresan as cousas. Fará referencia a mulleres artistas que, coas súas obras, conseguiron os cambios sociais dos que hoxe en día gozamos, como Louise Bourgeois , Anna Mendieta, Tracey Emin, Mona Hatoum, etc, e tamén colectivos como as Guerrilla Girls.
A última conferencia terá lugar o sábado 4 de xuño ás 12:00 h. e para ela contaremos con Montse Pena, licenciada en Filoloxía Galega e DEA en Teoría da Literatura na USC. Falaranos do seu campo de estudo e investigación, o da literatura feminista e infantil, facendo referencia a toda unha liña editorial relacionada directamente co feminismo e a infancia. Trátase dunha charla de carácter teórico, que se poderá complementar cunha didáctica sobre pedagoxía feminista a través da literatura, que a conferenciante ofrecerá aos asistentes.
Todas estas charlas irán apoiadas dunha pequena explicación do marco legal no que se insiren: conciliación laboral e familiar, editoriais, dereitos da muller conseguidos grazas á protesta social, etc. Esta anotación virá da man de Visi López del Riego, licenciada en Dereito.