A partires dos anos 60 abríronse novos derroteiros no ámbito artístico e cultural e a sociedade comezou a interesarse por novas formas de arte baseadas na protesta, na loita, no berro… En definitiva, baseadas nunha serie de accións que teñen cabida nun mundo no que parece que se non berras ninguén te escoita. O pasado 2 de Xuño, Neves Seara e Visi López del Riego ofrecerónnos unha charla sobre arte e protesta social desde a perspectiva de xénero en Aire Centro de Arte, penúltima das conferencias que conforman o ciclo das xornadas de xénero.
A dinámica desta charla foi diferente ás outras que xa se fixeran. Visi López del Riego ofrecía, unha vez máis dende a perspectiva legal, aclaracións sobre conceptos e as nova técnicas que o patriarcado adaptou aos tempos para seguir controlando ao sexo oposto. Todos estes conceptos eran ilustrados nunha segunda parte por Neves Seara, que facía un percorrido visual por diferentes artistas mulleres a través da súa obra. Estas mulleres usaron a arte contemporánea para facer eco do tema da violencia, usando imaxes, precisamente, violentas para recrear vivencias que ás veces elas mesmas sentiron na súa propia pel. Ilustrouse á perfección todos os conceptos e os termos legais, á vez que se fixo un percorrido por todas esas artistas que iniciaron (e continuaron) movementos revolucionarios que se fixeron visibles, xa fora polo impacto do momento ou porque molestaban a ese mundo do patriarcado contra o que loitaban.
Ao final da charla abriuse un debate que xiraba ao redor da dureza das imaxes; o conflicto social, a protesta, as vivenzas persoais de cada unha das artistas e do gran problema social sobre como concienciar e impartir coñecemento para camiñar cara a igualdade. Desde Aire Centro de Arte animámosvos a asistir a este tipo de charlas, no só no noso centro, senón tamén noutros locais como a Gentalha do Pichel, Libraría Lila de Lilith… e dende logo a facer o voso camiño persoal cara á igualdade.
Texto: Sara Lodeiro