Para pechar as xornadas de xénero Ollal sen botón, o 4 de xuño, falamos dun aspecto clave para reducir as diferenzas: a educación. Dentro desta, e relacionándoo co feito de construírmonos como seres humanos, centrámonos na literatura infantil e xuvenil. A charla foi dada por Montse Pena e Visi López del Riego.
Comezou Montse facendo un percorrido pola historia das mulleres que escribiron ou difundiron esta literatura ou se adicaron á educación. Esas que forman parte dunha historia moitas veces borrada e esquecida, como o Movemento de Renovación Pedagóxica, Mestras Independentes Organizadas ou proxectos como A favor de las niñas por numerar unhas poucas.
Tras falar do papel que tivo a muller nos movementos educativos, Montse centrouse no seu papel dentro da literatura infantil e xuvenil. Así contounos que aínda que houbo un momento no que foron “relegadas” a el pola suposta capacidade didáctica do xénero feminino. Ademais chamounos a atención sobre aínda que tradicionalmente as mulleres son as autoras máis numerosas deste xénero, son os nomes dos autores varóns os que se lembran, recoñecen ou nomean.
Tras este paseo pola historia, Montse centrouse en responder á pregunta: pode un libro non ter ideoloxía? Así, na literatura infanto-xuvenil galega vemos como evoluciona a perspectiva de xénero de xeito transversal: desde o momento en que se comezan a introducir personaxes femininas como protagonistas, primeiro nuns roles máis tradicionais e logo a outros que reivindican o seu ser, ata reescribir ás personaxes femininas clásicas. Despois, na actualidade, comezaron a ser introducidas novas realidades: transexualidades, homosexualidades, diversidade funcional, novas masculinidades, multiculturalismo… amosando como a visión de xénero se converte en algo transversal.
Pechou a charla, unha vez máis, Visi López del Riego facendo un repaso das políticas educativas previas á II República ata chegar a actualidade. Así, explicounos o avance republicano que consideraba a educación como un dereito para nenos e nenas. Avance que se detivo na época franquista na que, malia ser considerado un dereito, separouse ao alumnado en función do seu sexo, e por esa causa, dividíronse os contidos segundo os roles que se consideraban propios de cada un.
Xa coa democracia, volvéronse a unir aulas e temarios, dándolle liberdade ás Comunidades para interpretar a lei estatal. Porén, non se introduce de xeito claro e preciso a perspectiva de xénero, chamando a atención sobre o feito de que malia ter unha lei de xénero esta non se distribúe transversalmente noutras como é a educativa.
En conclusión, quedou patente a necesidade dunha literatura infanto-xuvenil que conciencie e amose realidades alén das habituais e unha escola aberta que nos recoñeza nas diferencias e axude a aceptarnos unhas ás outras. A literatura galega, viva e dinámica está en camiño, mais precisa dunhas personaxes que saian do habitual e xeral (que aumente a presenza de rapacxs con diversidade funcional ou homosexual por nomear algúns casos).