Re-interpretar a Iago Seara

2OBRADOIROS-IAGO-SEARAtoma-3-300x249FICHA TÉCNICA:

Docentes: Iago Seara e Manuel Eirís
Data: 8 de novembro de 2015.

Obradoiro 1: Descubrir paisaxes de cartón.
Duración: 10h a 14h
Público: De 4 a 12 anos (familias)
Prezo: 5€/persoa con material incluído

Obradoiro 2: Baleiro
Duración: 17h a 20:30h
Público: A partir de 13 anos
Prezo: 50€ con material incluído

Detrás de cada prego do cartón escóndese un espazo. Así, cada capa chega a conformarse como unha estancia única, descuberta só por quen se atreve a coller coitelo ou tesoira e furgar nelas. Iago Seara, quizais pola súa faceta de arquitecto, quizais pola súa cara de artista, trasladou as liñas dun plano ás capas do cartón. O que aparentemente podería ser material de refugallo transfórmase nunha peza de arte.

Peza de Iago Seara da exposición “Entre o papel e o baleiro”

Peza de Iago Seara da exposición “Entre o papel e o baleiro”

Estreamos novembro animando ás familias a converterse neses seres únicos que, en equipo, non se conforman con ver o que hai na superficie; e empurrando aos adultos a experimentar con outras técnicas da man dos propios artistas, nesta ocasión Iago Seara e Manuel Eirís.

Como di Neves Seara, en Surcos, da exposición Entre o papel e o baleiro, de Iago Seara: “Entre o papel e o baleiro está a sombra, está o suco e a ferida, está a capa anterior e a seguinte. Está a paisaxe, o xesto da man, está o xogo. Cartóns, papel feito a man e papel reciclado serven a Iago Seara para, a través do trazo da coitela, espertar un horizonte durmido nun papel, ou descubrir os estratos mergullados entre a face e o envés do cartón.”

Do bosquexo á peza, proceso creativo de Iago Seara

Do bosquexo á peza, proceso creativo de Iago Seara

O espazo de Caldeirería50 acolle os obradoiros Construír paisaxes de cartóne Baleiro que terán lugar ao longo do 8 de novembro. No primeiro, adicado ás familias, Iago Seara será como un vello pirata e amosaravos como se poden atopar distintos espazos agochados baixo as capas do cartón. Desde as 10h ás 14h, corte a corte cada membro profundará tanto nos vínculos familiares como na obra do arquitecto compostelán. O segundo obradoiro, cun formato de masterclass para adultos, os artistas Iago Seara e Manuel Eirís afondarán na obra de Seara. A través do estudo das formas xeométricas, da combinación entre si e como funcionan no espazo, ademais de como traballar o papel e o cartón, as e os participantes reinterpretarán a exposición Entre o papel e o baleiro da man do seu propio creador. A tarde do domingo, de 17h a 20:30 horas, será unha oportunidade única para aprender novas técnicas artísticas e experimentar con elas.

Non esquezades reservar a vosa praza chamando ao 981 589 059 // 634 785 498 // 669 266 659 ou escribindo a airecentrodearte@gmail.com .

Por favor seguenos e comparte:

Leave Comment

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *