Comeza a conta atrás para pechar a exposición coa que dábamos comezo o curso, o outono… Dende o 2 de outubro, entre as capas do papel, Entre o papel e o baleiro, atopamos mundos e xeometrías superpostas, traballadas e descubertas polo arquitecto compostelán Iago Seara. A coitela transformouse nas súas mans nun pincel fino e delicado no que cada liña, cada corte ten un sentido. Seguindo as pegadas de Chillida, Oteiza… Seara atopa o seu propio camiño minimalista e construtivista, levando o seu perfil de arquitecto sempre con el.
Ata o 17 de novembro, quen suba as escaleiras de Caldeirería50 encontrarase cunhas caixas de cartón que, a modo de edificio deixan clara a formación e as intencións sobrias do artista. Unha invitación a entrar no seu mundo. Seguimos avanzando nos chanzos onde tres cadros amosan como diferentes rectángulos de cartón e papel reciclado se unen formando novas xeometrías.
Entramos en Aire centro de Arte. Para fuxir do frío do outono, recíbenos a Sala de Verán. Na parede principal descansan as pezas construídas a partir de sobres, caixas, tapas… Todas elas resgadas con trazos que recordan horizontes, liñas de auga, finas herbas… Na balda de enfronte, as follas de papel non son só quebradas, tamén dobradas, dándolles profundidade ás feridas. Como acontece no estante perpendicular, onde os sobres descansan sobre cartóns, confundíndose as súas capas. Nesta estancia descubrimos como calquera papel serve para construír se o observamos coa mirada adecuada, e convertemos o que moitos considerarían un refugallo nunha obra artística.
A continuación, na sala de inverno, as luces xogan cun mesado feito de alabastro baixo a atenta mirada dos bosquexos dos que xurdiu a idea. Mesado que á súa vez se conformou como a maqueta do altar maior da Catedral de Santiago. Na parede perpendicular tres círculos de papel reciclado redefinen as súas formas. Colocados en capas divírtense coas formas xeométricas que se manifestan grazas aos cortes que marcan as súas liñas exactas. Estas pezas lembran á obra de Luís Caruncho. Xusto ao seu carón, nunha balda repousan pequenas figuras de trazos firmes e rectos que, como pezas dun móbil, agardan que delicados fíos as leven a voar. Mentres, outras pezas, irmás a estas, están presas tras os vidros dun cadro.
Poderiamos pensar que a exposición remata aí. Porén transcende e vai alén das paredes das que colgan os cadros, saltando dos estantes nos que descansan as pezas máis pequenas. O domingo 8 de novembro haberá dous obradoiros non só inspirados nestas obras, senón impartidas polo propio Iago Seara. Pola mañá, as cativas e cativos gozarán, xunto as súas familias, descubrindo as paisaxes agochadas en cada prego de cartón. Pola tarde, o arquitecto estará acompañado do artista compostelán Manuel Eirís. Xuntos impartirán unha masterclass onde os adultos reinterpretarán a obra de Seara, experimentando coa xeometría, os cortes e distintos materiais relacionados co papel. Unha boa oportunidade para comprender e aprender outras formas de crear.
Para máis detalles, convidámosvos a ler o texto escrito, desde o cariño e admiración, por Neves Seara sobre a exposición no oitavo fanzine de Aire: Surcos.