O mundo no que vivimos é un gran teatro no que cadaquén desempeña o seu papel con coidado. As representacións varían segundo o escenario no que se desenvolve cada escena, a máscara cambia co decorado. Como gustéis, de Ana Seoane, é a exposición que colga das paredes de Aire centro de Arte. Nuns días, o 22 de xaneiro, as personaxes abandonarán a escola e viaxarán aos seus novos fogares onde atoparán un espazo no que seguir o seu camiño.
A mostra, inaugurada o 20 de novembro, divídese en tres partes. Nas escaleiras, unhas caixas de papel translúcidas pechan as sombras nas que se converte a xente día a día. Apagadas toma peso a nada, a inexistencia, como nun teatro no que o pano aínda non se ergueu, mais cando se acenden déixase ao descuberto a existencia humana. Porén, ao ser iluminadas cunha luz pequena resáltase o baleiro do espazo no que habitan. Entón cobran importancia eses seres, pois non hai nada máis. Nada máis que nós, eles e elas nos seus momentos cotiás: oficios, música, infancia, maternidade, complicidades… A xente atopa o seu lugar e, sen querer o ollo de quen observa, espía, crea o universo no que habitan.
O mesmo acontece nos cadros que cobren as salas de verán e inverno. Aínda que separados en dous espazos, as pezas continúan a amosar como a xente vai, vén, queda… Soa ou en compañía, sen entender de idade, convertendo a súa vida nunha gran obra dramática. En cada unha, é o espectador quen decide como é o lugar que habitan, cal é a relación entre esas persoas, que agardan, que desexan, cara onde van… Figuras pintadas en detalle, en óleo, cunha expresividade sutil mais presente. As persoas pérdense no baleiro dun papel de 100×70, branco, inmenso, que resalta a súa presenza, como se non importase máis que o ser.
Pois, como di Ana Seoane “só un sabe a verdadeira historia que está representando” e, malia todo, o ollo alleo crea toda unha narración ao seu redor imaxinando vidas máis ou menos posibles.
Podedes saber máis sobre Como gustéis, da pontevedresa Ana Seoane, no texto que escribiu Neves Seara para Surcos, o número oito do fanzine Aire.