Martyn Mills: A metódica loucura dun soñador profesional

Fotografía de Cris R. Lesmes
Fotografía de Cris R. Lesmes

Os proverbios aparecen a miúdo na procura de aclarar algún aspecto por medio dun pensamento popular baseado na experiencia. Ao longo desta semana, Aire centro de Arte albergou unha mostra do artista irlandés Martyn Marsland Mills cuxo título recolle o dito popular que foi levado á literatura polo recoñecido escritor Shakespeare: “The Method behind The Madness”. Literalmente, a sentenza denota o método que se agocha trala loucura.

Durante a inauguración da mostra, celebrada o pasado venres 21 de outubro, o numeroso público asistente foi testemuña directa do proceso creador que se agocha detrás de cada obra. En relación coa exposición, situada no singular espazo que comunica os dous andares de Aire centro de Arte, Martyn Mills realizou unha ilustración sobre cristal mentres os asistentes observaban o procedemento artístico.

Fotografía de Nacho Mascuñán
Fotografía de Nacho Mascuñán

“The Method behind The Madness” xurde para intentar dar cabida á raíz primixenia que dá forma ao ente visible. As senlleiras ilustracións de Martyn Mills conteñen un cariz representativo de elementos naturais. Dispostas conxuntamente, as imaxes son un todo que resulta tanto de maneira dual coma grupal. Seguindo a orde marcada polo efecto ascendente da localización, o visitante atópase con dous grandes cadros cheos de simboloxía ata dar paso á serie de figuras que, comezando pola natureza, pasan polo tempo ata finalizar en varios elementos que funcionan como un conxunto.

A obra de Martyn Mills é o resultado da conxunción do novo, as súas creación, con elementos procedentes de outras culturas. O antigo rende unha homenaxe ao espírito creativo, dando lugar a unhas obras que intentan ir máis aló, na procura do suxeito que se esconde trala conxunción. Desta forma, a sentenza e título da exposición “The method behind The Madness”, adquire un selo propio, aplicable tanto ao froito visible coma ao procedemento persoal e metódico do ilustrador irlandés.

Fotografía de Nacho Mascuñán
Fotografía de Nacho Mascuñán

En canto ao singular estilo que envolve a obra exposta, Martyn Mills asegura que “se trata dun estilo macabro, mais non no senso escuro ou inclusive gótico, se non que alcanza un cariz representativo que xoga co subconsciente”. Polo tanto, as fantasías macabras agochan unha razón: é o impulso intanxible que se volve visible en cada deseño. Como curiosidade, cabe remarcar que a maioría das ilustracións presentadas en Aire centro de Arte se perpetúan a través da pel, xa que o propio artista ten tatuados os deseños.

Detrás de cada imaxe macabra escóndese máis que un mero impulso creativo. Neste sentido, en palabras do propio artista “existe un método para todo, malia que o encargado de xestionar e crear os debuxos sexa o subconsciente”. De feito, Martyn Mills explica que segue un propio procedemento para crear, xa que entende que o feito de debuxar vai máis alá de crear imaxes racionais, trátase dunha terapia na que saen á luz elementos que permanecen agochados.

Fotografía de Nacho Mascuñán
Fotografía de Nacho Mascuñán

O feito de ter un método e uns instrumentos que conectan directamente co que pretende mostrar é a razón que se oculta tralos deseños. Desta forma, detrás da loucura, das macabras ilustracións que, como espectadores, podemos visualizar, encóntrase un método perfectamente definido para o artista irlandés. O propio artista, que se define a si mesmo como “professional dreamer”, é dicir, “soñador profesional”, outórgalle ó método de traballo e ás macabras e raras ilustracións un dorso singular, saíndose do común.

Por outra banda, trátase dunha mostra en constante transformación, xa que, sen perder o distintivo que caracteriza a cada un dos deseños e lles outorga un nexo de unión, durante o próximo ano o artista Martyn Mills pretende ampliar o número de ilustracións.

TEXTO: Alba Lojo

 

Por favor seguenos e comparte:

Collages Sonoros. Obradoiro de Collage

CARTEL MAITE ORTEG TALLERDocente: Maite Orteja

Data: 12 de novembro de 2016.

Duración: De 12 a 13:30 (nenxs a partir de 4 anos)

17:00h a 20:00h (adultos)

Público: A partir de 4 anos.

Prezo: 15€ nenxs con material incluído

35€ adultos con material incluído

O sábado 12 de novembro desenvolverase un novo obradoiro intensivo, tanto para nenxs (a partir de 4 anos), na sesión de mañá (12h), como para adultos, na sesión de tarde (17h). O taller estará impartido pola artista Maite Ortega que, inspirándose na súa exposición Collage sonoros, introduciranos noutro xeito de crear collagesAsí, quen participe transformará cancións en imaxes a través de recortes. Como explica Maite, “as revistas e papeis serviranos para facer visibeis, cada persoa ao seu xeito, o que suxiran os sons de cada melodía”. Faranse varios exercicios de corta e pega utilizando case todos os sentidos, pero sobre todo “seremos todo ouvidos!”.

Maite Ortega é licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia. É collagista e bordadora. Pertence á Sociedad de Collage de Madrid, é cofundadora do fanzine Ropa Tendida (que podedes adquirir en Aire centro de Arte), facilitadora co colectivo Debajo del Sombrero en Matadero de Madrid e ilustradora en Proyecto Khalo.

Collages sonoros é un obradoiro de collage impartido por Maite Ortega, que se desenvolverá o sábado 12 de novembro en dúas sesións: de 12 a 13:30 para nenxs a partir de 4 anos e ás 17:00h ata as 20 para adultos. O seu prezo, con material incluído, é de 15€ para nenos e de 35€ para adultos.

Reserva a túa praza no e-mail airecentrodearte@gmail.com ou chama ao 981 589 059.

 

Por favor seguenos e comparte:

Briconsello legal (VI): Unha obra na procura de autor/

Un venres máis, compartimos con vós o Briconsello legal para artistas, curiosxs, profanxs e xente de a pé. Para que reflexionedes durante a finde, a nosa colaboradora, Visi López del Riego, avogada especializada en temas de cultura, deixa algunha recomendación, nesta ocasión para coñecer algo máis sobre as obras orfas, que acaban de ser introducidas dentro da nova Lei de Propiedade Intelectual.

BRICONSELLO DE INTERESE PARA A CONSERVACIÓN, DIXITALIZACIÓN E DIFUSIÓN DE OBRAS ORFAS EN: BIBLIOTECAS, FONOTECAS, FILMOTECAS, PINACOTECAS, HEMEROTECAS E MÁIS “TECAS” PÚBLICAS

Obra orfa procedente do arquivo da Universidade de Bradford. J.B. Priestley and Jacquetta Hawkes at Brook Hill, 1958 (referencia do arquivo HAW 18/5/52/1). Autor descoñecido.
Obra orfa procedente do arquivo da Universidade de Bradford. J.B. Priestley and Jacquetta Hawkes at Brook Hill, 1958 (referencia do arquivo HAW 18/5/52/1). Autor descoñecido.

Todxs deberiamos gozar dun acceso responsábel á cultura; o patrimonio artístico non debe permanecer en cárceres inexpugnábeis; debe saír á luz, facerse visíbel, manterse vivo e saneado.

O noso sistema legal contempla toda unha rede permisos e licencias para regular os termos dese goce social da arte sen descoidar os dereitos de autor e propiedade intelectual, mais… que acontece cando se descoñece ou é imposíbel a localización da titularidade de tales dereitos? Cal sería o camiño correcto que teñen que facer as institucións para “adoptar” unha obra orfa?

As obras cinematográficas, literarias, audiovisuais e fonogramas divulgadas que formen parte das coleccións de centros públicos e sobre as que sexa posíbel a identificación ou localización da súa autoría a pesares de ter efectuado un achádego dilixente, poderán ser obxecto de indexación, catalogación, conservación e restauración sempre que non exista ánimo de lucro pola súa banda e se facilite, con iso, o achegamento da obra con fins educativos e/ou culturais.

Para evitar controversias na cualificación dunha obra como orfa, púxose en marcha unha base de datos xestionada pola Oficina para a Harmonización do Mercado Interior -OAMI- no que se detalla un rexistro único y público das mesas. España aínda non fixo efectivo o rexistro de algunha obra orfa, pero seguro que non tardará en adaptarse ás novidades desta iniciativa lexislativa.

ADOPTEMOS UNHA OBRA ORFA PORQUE SEMPRE NOS QUEDARA O PATRIMONIO!

Para dúbidas e demais orfandades contacta coa familia de Aire…

Visi López del Riego

Aire centro de Arte

Caldeirería 50, 2º

981 589 059

TEXTO: Visi López del Riego

Por favor seguenos e comparte:

NORTE. Coordenadas culturais

O equipo de NORTE durante a presentación do proxecto
O equipo de NORTE durante a presentación do proxecto

Hoxe as entrevistadas son elas. E elas son NORTE, cinco mulleres que compoñen unha palabra que en pouco tempo dará moito que falar. Porque NORTE non só é unha palabra, senón unha paixón, unha corrente de aire frío que vén para espertarnos e berrarnos todo canto nos estamos a perder, por exemplo neste mesmo intre no que estamos unhas a escribir esta crónica e outros a lela.

Cristina, Lúa, Mariana, Cris e Alejandra son NORTE Difusión Cultural, a nova revista sobre arte. A semana pasada tivo lugar a presentación aquí, en Aire Centro de Arte, pero non foi suficiente e quedamos con ganas de saber máis sobre esta orixinal e xenial idea. Así que reunímonos no centro loxístico: O París, que sinalaron que “é a nosa sala de reunións”. Entre risas, café e son de chuvia pasamos unhas fantásticas e rápidas (tres) horas.

E continuaríamos e seguiríanos parecendo corto o tempo, porque falando de arte e de crítica de arte, cando se poñen os límites? É máis: existen os límites? “NORTE non ten límites, e iso é que máis nos interesa remarcar nestes momentos: que non estamos pechadas a nada, e así debería ser en realidade na cultura, na arte. A arte debe permanecer aberta”, afirman as cinco. E non se conforman con Compostela, senón que o seu obxectivo transcende máis aló incluso do nivel autonómico e nacional: “gustaríanos contar con colaboradorxs espontáneos que nos mandasen información, fotos, etc. de alí onde estean”. Sen dúbida unha idea innovadora e alternativa neste sector, posto que na actualidade non existe un colectivo que recolla nas súas publicacións as novidades artísticas dentro do panorama galego, e tamén doutros lugares. De onde xurdiu esta proposta? A cal das cinco se lle ocorreu esta loucura?

Obras de Le Petit Patito
Obras de Le Petit Patito

“Cristina!”. Se ben o bosquexo nace da cabeza dunha delas, pronto convértese nun proxecto no que as cinco se ven implicadas, persoal e profesionalmente. As cinco veñen de Historia da Arte, catro delas acabaron a carreira este mesmo ano, e foi no verán cando xurdiu a idea e pronto todas se volcaron inesperada e activamente para que o soño non quedara soamente niso. “A verdade é que foi todo moi rápido. Noutros casos son moitos anos os que hai tras a posta en marcha dunha iniciativa, se é que se leva a cabo, porque moitos proxectos vanse pospoñendo pouco a pouco, por non crerse capacitados, etc. e ao final a formulación queda en nada. Somos conscientes de que teremos erros, acabamos de comezar, pero non queríamos deixar pasar o tempo. Iremos aprendendo polo camiño, coma todo na vida. Xa acabamos a carreira e queremos converter isto nun verdadeiro proxecto profesional”.

Son conscientes do seu privilexio ao poder traballar xuntas nun mundo que lles apaixona: a arte. Sen dúbida, unha gran oportunidade que lles ofrece viaxar, coñecer xente, aprender, sentir, enriquecerse… en definitiva, medrar a través de todas estas experiencias. Con todo, a pesar desta fermosa perspectiva, non hai rosas sen espiñas, e supón unha ardua loita converter cada busca nun descubrimento, cada paso nunha motivación. A arte resulta unha arma de dobre fío, “cando che preguntan e lles dis que estudas historia da arte todo o mundo di “que sorte, é unha carreira preciosa, interesante, seguro que o pasas xenial…´´ Pero non saben a outra cara da moeda. Falta moita motivación, e non son tan culpables os alumnos como estamos acostumados a crer. Salvo casos puntuais (dos cales nos sentimos inmensamente agradecidas) falta moita motivación por parte da propia universidade, dos profesores. É moi duro emprender sen ter un apoio e unha seguridade reais a longo prazo. Pero iso non é o peor. O difícil é manterse unha vez que conseguiches comezar, e sobre todo no ámbito da crítica artística”. A beleza é cruel…

Público axistente á presentación de NORTE Cultural
Público axistente á presentación de NORTE Cultural

Pero é precisamente por iso que sinten a necesidade de cambiar esta situación. E, ao contrario do que moitos pensarán, non son para nada pequenas as súas achegas. Non cando xa entran pisando forte rompendo con todo tipo de barreiras, afirmando que “toda arte é válida, toda acción artística e cultural. Que diferenza hai entre unha exhibición pictórica e unha competición de deportes extremos, por exemplo? De aí o noso interese pola recente edición do Pulpo Extreme, en Ourense. É un evento cultural importante para a cidade e os seus habitantes”. Este caso en concreto tampouco deixa de ser artístico, pensemos nas piruetas que fan as bicicletas no aire, ou dos skaters… Pensemos agora na estética do parkour, no contacto do corpo co medio a través dos saltos e o equilibrio. Que os diferenza dos bailaríns clásicos? Quen ditou as normas?

NORTE volve novamente rachar con este encorsetamento. “Segue a pesar moito a influencia da perspectiva decimonónica na Universidade. Seguimos estudando e considerando a arte dende un punto de vista clásico, e así tamén o segue a ver a xente, o público, e por iso outro dos nosos propósitos é achegar a arte, todo tipo de arte, a todo o público, que deixen de ver a arte como “algo” inalcanzable para eles. Inalcanzable porque non o entenden. Esa é a frase de sempre, “é que eu non entendo disto´´ ou a mítica “iso faino un neno de catro anos´´. É triste, porque é unha consecuencia de que a estas alturas aínda non se entendeu a arte contemporánea, nin a arte en xeral. Porque en realidade non é necesario comprender a arte para gozala”, explican. Certamente, non temos que ser expertos para vivir a indescritible experiencia de rir ou chorar fronte a unha película, ou escoitando unha canción, ou de contemplar por fin cara a cara aquel cadro do que nos namoramos cando eramos mozos… Se iso pode suceder cunha paisaxe por que non cun cadrado negro? Ou cunha instalación de neón? Quen é quen de xulgar o que unha persoa debe sentir e con que obra? A arte é inesperadamente evocadora, e iso faina sorprendente: a sorpresa de sentir co que menos tiñamos pensado. Pode que, ao fin e ao cabo, atopemos certa definición dentro da distorsión do sempre polémico concepto Arte.

“Moita culpa deste panorama vén do feito de empregar a arte como arma política. É igual que co da carreira. É moi bonito presumir da nosa cultura, dos nosos artistas… pero quen os apoia? A arte emprégase como fachada e, simulando que se quere poñer ao alcance de todo o mundo, en realidade o que se está a facer e de maneira sutil é manter o discurso elitista, como símbolo dunha posición. Ocorre nos eventos. Resulta endogámico. Á xente normalmente asústalle ir ás inauguracións ou exposicións, e para ben ou para mal están os de sempre e a miúdo o que menos importa é a obra do artista ou o propio artista, senón ese “deixarse ver” e o conseguinte posicionamento social”. Falan sen pelos na lingua, esteamos de acordo ou non con que din, e niso radica o seu valor. Así como non se limitan artisticamente, tampouco no que se agocha entre bastidores. A arte funciona como un iceberg: vemos a punta, pero como de grande é o proceso que hai por baixo? “É importante que o público coñeza o traballo que conleva a montaxe dunha expo, toda a xente implicada, o tempo que se tarda, a cuestión económica, os secretos…”.

Son escritoras, pero tamén consumidoras, e polo tanto saben o que lle interesa á xente. E como críticas confesan que “tamén estamos dispostas a aceptar as críticas, por suposto. Estamos comezando. Por un lado danos vantaxe, porque aínda non somos moi coñecidas e se nos permite equivocarnos, estamos encamiñándonos pouco a pouco e por iso non temos medo de escribir, nin o que queremos nin como queremos. Pretendemos, como dicimos, afastarnos desa encorsetada maneira académica de escribir, tanto en forma como en contido, e liberarnos e liberar ao público desa forma de ver a arte, pero por outra banda, queremos medrar e chegar a moita máis xente, e entón será cando certas cuestións si resultarán realmente polémicas”. Para entón, o seu soño sería poder pasar ao papel, “agora facemos retransmisións en directo, publicamos na páxina web, subimos fotos e comentarios das expos, etc. As redes sociais son fundamentais. Noutra época non tivese sido tan “fácil”. Pero sen dúbida sería fantástico ter a oportunidade de trasladar o máis destacable a unha revista física, trimestral. Claro que… agora non podemos permitirnos ese luxo”.

E de novo volvemos ao lado oscuro do fío. A arte é cruel, e facer o que un quere, de maneira independiente e alternativa conleva moitos sacrificios, principalmente económicos, “hoxe por hoxe mantemos isto por nós mesmas, pero é duro. O que facemos implica estar movéndose continuamente, e é xenial, pero o transporte é caro. Temos falta de máis medios técnicos (cámaras, micros, etc.)”, recoñecen; pero como todo bo cineasta, que comeza de cero: con pouco material pero con moita paixón. Unha dedicación que as leva a estar enteradas de todo, en calquera parte, buscando nas “redes sociais. Estamos todo o día revisando facebook, as páxinas dos concellos, dos museos, etc. E iso leva moito moito tempo e enerxía. Nós temos que organizar a revista coas nosas obrigas, porque a pesar de ter acabado a carreira, seguimos estudando e traballando para sacar adiante NORTE”.

NORTE xa é unha familia, e son cinco as que o fan posible. NORTE é unha oportunidade tanto para elas como para nós, que nos ofrece neste vello mundo un novo punto de vista no horizonte.

 

TEXTO: María Carballo

FOTOS: Cris R. Lesmes

 

 

Por favor seguenos e comparte:

Sonoterapia. Portas abertas.

Terapias vibracionales flyerMasaxista: Erica Rendall

Data: 26 de outubro de 2016.

Duración: De 16:00h a 19:30h

Público: A partir de 18 anos.

Prezo: proba gratis

 

Unha das novidades deste ano en Aire centro de Arte é a compañía de Erica Rendall que nos achega as sonoterapias.

Para que probedes e vexades por vós mesmxs que é a Sonoterapia, que se ofertará a partir de outubro no noso centro, a musicoterapeuta e terapeuta de son Erica Rendall. Para quen teña interese por coñecer e saber máis sobre esta forma de terapia, organízase, o próximo mércores 26 de outubro, unha sesión de portas abertas onde se poderá gozar dunha sesión individual gratuíta de aproximadamente 15-20 minutos.

A sonoterapia usa o son e a vibración para sandar, equilibrar e harmonizar o noso organismo a nivel físico, mental, emocional e espiritual, a través da aplicación de frecuencias específicas sobre o noso corpo (zonas afectadas, puntos enerxéticos, meridianos…) xerando unha resposta inmediata de alivio, equilibrio y relaxación.

Para máis información: www.ericarendall.com.

Concreta a túa cita no 694 444 371.

Por favor seguenos e comparte: